TURISMO

A Xunta concede ao Concello o obradoiro de emprego "Ecotur Santiago"

03/06/2014 A Concellería de Emprego organiza un novo obradoiro baixo a denominación de "Ecotur Santiago" que permitirá a contratación de 23 persoas durante un periodo de 6 meses, que se formarán en tres especialidades laborais: Promoción Turística Local e Información ao Visitante, Confección e Publicación de Páxinas Web e Operacións Auxiliares de Revistimentos Continuos de Construcción. O obradoiro concédeo a Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Por un lado os participantes na especialidade de Operacións Auxiliares de Revistimentos Continuos de Construción realizarán obras de Rehabilitación dunha Antiga Escola Unitaria para albergar o Centro de Visitantes "Val de Roxos-Camiño de Fisterra". Levarán a cabo traballos de renovación de instalacións, illamento e accesibilidade. A finalidade do Centro de visitantes será a difusión das características deste ecosistema, así como do patrimonio relixioso e civil deste enclave do Camiño de Fisterra e a súa historia.

Na especialidade de Promoción Turística Local e Información ao Visitante desenvolverán servizos orientados a dotar de instrumentos e medios informativos e divulgativos ao Centro de Visitantes do "Val de Roxos-Camiño de Fisterra", asegurando a elaboración de recursos para o Turismo Rural, especialmente do patrimonio natural e cultural da zona de Val de Roxos, a trevés da creación de itinerarios/rutas, guías, e material promocional que permita asentar itinerarios ecoturísticos.

Na especialidade de Confección e Publicación de páxina web realizarán traballos de deseño e implementación de ferramentas web. En concreto crearanse dúas webs orientadas á divulgación do importante patrimonio natural e cultural do Val de Roxos e dos servizos do Centro de Atención ao Visitante do "Val de Roxos-Camiño de Fisterra".

A finalidade destes Obradoiros que organiza a Concellería de Emprego é a mellora da ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito anos ou máis de idade, a través da súa cualificación profesional e coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interesse social que posibiliten aos alumnos e alumnas participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Santiago Impulsa II
En relación ao Proxecto finalizado "Santiago Impulsa II", cabe destacar que, unha vez rematadas as accións formativas e superado o período de práctica laboral, os participantes na especialidade de Confección e Publicación de páxina web desenvolveron servizos orientados a favorecer a promoción e achegamento á cidadanía dos servizos de emprego e promoción social. Tamén faciliaron a implementación de espazos web para o propio concello e para entidades de iniciativa social da cidade. Así mesmo, realizaron traballos de deseño e implementación de ferramentas web para o Foro da Intermediación laboral desenvolvido pola Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo.

Na especialidade de Actividades Auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería realizáronse obras de acondicionamento, mellora e mantemento das escaleiras e camiños no parque das Cancelas, incluíndo a instalación dun xardín. Tamén se realizaron labores de mantemento dos axardinamentos do centro municipal de formación ocupacional de Sanxúans de Aríns e no viveiro municipal de Lamas de Abade.

Na especialidade de Operacións básicas de restaurante e bar as persoas participantes no obradoiro completaron a súa formación realizando servizos de catering en actos do Concello de Santiago de Compostela e de diferentes entidades sociais da cidade, entre elas Agadea, Cruz Vermella, Aspas e en residencias de maiores.

Compartir: