CULTURA

A 3ª edición da Romaría Pop celébrase o sábado 14 de xuño

03/06/2014 A Romaría Pop volta coa súa terceira edición o vindeiro 14 de xuño no parque de Belvís de Santiago de Compostela. O evento, organizado por Desconcierto Cultural en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, é xa unha referencia no calendario de festivais galegos pola súa aposta como espazo de convivencia e encontro para todo tipo de público, coa música feita en Galicia coma eixe vertebrador. Foi presentado esta mañá polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Álvaro Álvarez, de Desconcierto Cultural.

A Romaría celebrarse dende o mediodía ata o solpor e desde a organización agardan que o Parque de Belvís volte a acoller ás miles de persoas que nas edicións anteriores participaron dunha xornada de esparcimento nun magnífico e cómodo espazo no corazón de Santiago e gozando dos contidos que a Romaría Pop ofrece: música, actividades infantís, restauración, feira de roupa e vinilo

Cartel Musical. Repartida en dous escenarios, a Romaría conta cunha selección do mellor da escena independente galega que fará as delicias dos máis melómanos e seguro sorprenderá a máis dun visitante. O cartel conta coa presenza de Niño y Pistola, Los Chavales, Fogbound, Demonhigh, Linda Guilala, Aries, Apenino, Puma Pumku, Ataque Escampe e Los Mustang Charros que farán un pasarrúas con arranque na praza do Toural e que rematará no parque tras recorrer as principais rúas e prazas da zona vella.

Actividades Infantís. Dende a súa primeira edición en 2012 a Romaría Pop caracterízase por ofrecer unha nutrida oferta de actividades para que pais e fillos gocen en diferentes obradoiros como os de creación musical, instrumentos reciclados, camisetas de portadas do rock, máscaras, baile swing, maquillaxe artístico e un longo etcétera, ademais dun roteiro polo parque organizado polo CIAC de Santiago de Compostela e o desfile canino organizado polo refuxio de animais de Bando.

Restauración. Nunha romaría non pode faltar o tradicional polbo e churrasco, pero na Romaría Pop, ademais das opcións gastronómicas tradicionais, estarán presentes outras alternativas como pratos de cociña do mundo para todos os padais e tamén oferta para vexetarianos e celíacos, coa participación de espazos gastronómicos de referencia de Compostela.

Feira de Roupa e Vinilo. Para reforzar o carácter musical da Romaría Pop os visitantes poderán contar coa opción de mercar os mellores discos galegos, estatais e estranxeiros nos postos de venda de vinilo e percorrer a feira na procura de todo tipo de artículos e prendas de moda.

Concerto de presentación esta semana
A Romaría Pop contará cun concerto de presentación o xoves 5 de xuño na Zona c coas bandas La Dance e Músculo!, dúas bandas que representan as novas tendencias na música feita en Galicia. As entradas para este concerto atópanse á venda na billeteira do Teatro Principal, en A Reixa Tenda e en Ticketea.com a un prezo adiantado de 7€.

Máis información na web da Romaría e no evento de Facebook:
http://romariapop.com/
https://www.facebook.com/events/1425858417668503/

Documentos relacionados



Compartir: