CULTURA

As reflexións sobre o cotián de Pepe Viyuela pechan o Festiclown

05/08/2006 O Festiclown chega ao seu fin por este ano e faino cunha actuación estelar. Pepe Viyuela estará no Teatro Principal para representar, a partir das 22.00 horas, o seu espectáculo "Encerrona". Antes e no mesmo escenario, Mofa e Befa presentan "Sempre ao lonxe".

"Encerrona" é un espectáculo para todos os públicos no que Pepe Viyuela leva á escena as súas mellores dotes de actor e clown, nunha reflexión arredor da vida cotiá dende a perspectiva dun pallaso. O personaxe de Viyuela chega enganado ao escenario, enfróntase a un público que lle esixe algo que el non comprende, e el non está alí para actuar, pero vese na obriga de facelo.

O cómico rioxano ten tras de si unha longa traxectoria como actor teatral e foi un dos promotores en España de Pallasos sen Fronteiras. Fíxose moi popular na televisión polas súas intervencións no "Un, Dos, Tres" e en "¿Pero esto qué es?", e xa recentemente polo seu papel no filme 'A última aventura de Mortadelo e Filemón' e polo personaxe de Chema na serie televisiva "Aida".

Outro prato forte do día é a actuación de Mofa e Befa. A formación galega, integrada por Evaristo Calvo e Víctor Mosquera, presentan "Sempre ao lonxe (ou decadencia étnica)". Humor ácedo e música para unha montaxe que suxire a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por outro lado, a cautelosa distancia dende a que se acostuma a observar aos que se cre diferentes.

Risoterapia

Ademais do Maraclown, do Desclowntrol nas rúas e dos Encontros malabares, a xornAda do domingo 6 pechará o Formaclown, que acolleu diversos cursos ao longo da semana. Entre os mesmos, o encargado de pechar o ciclo é o Curso de risoterapia, impartido por Ángel Sánchez.. Nestas activas clases, os participantes experimentan con sesións de ioga e de expresión creativa, na procura sempre da conexión co ser creativo empregando a risa como terapia, como fórmula saudable para superar os problemas.

Ángel Sánchez, director da Fira Mágica de Santa Susanna (Barcelona) e do programa de solidariedade de cooperación internacional Somriure per la Pau de Pineda de Mar (Barcelona), é educador social, monitor de risoterapia pola Escola Salud Inteligente de Barcelona e animador sociocultural. Conta cunha longa traxectoria profesional, con máis de vintecinco anos de experiencia e de práctica como educador e como especialista na aplicación e na formación sobre a terapia da risa.

Compartir: