CENTROS SOCIOCULTURAIS

Comeza o programa "Vive o Verán!", que inclúe un servizo de conciliación

02/06/2014 Arranca unha nova edición do programa Vive o verán 2014, que se desenvolverá durante os meses de verán. Prazas, rúas, parques, centros socioculturais e centros de interpretación ambiental serán os escenarios destas actividades de aprendizaxe, deporte, cultura e lecer. O programa deste ano abrangue un total de 20 actividades diferentes ata o sábado 27 de setembro e inclúe un servizo de conciliación.

A proposta Vive o Verán 2014 inclúe diversas accións en clave de tempo libre, algunhas delas xa habituais durante o ano e que continúan nos meses de verán, e outras específicas e novidosas como programación complementaria aos servizos regulares da rede de centros socioculturais. Os destinatarios do programa son tanto o público infantil como os adultos e maiores, programándose tamén actividades de corte interxeracional e para familias.

Este ano o programa inclúe un servizo de conciliación de 8.00 a 9.00 e de 14.00 h a 15.00 horas. Repiten convocatoria accións como as mañás de verán e de xogo, as saídas ao parque acuático de Cerceda, os paseos na procura das herbas de San Xoán, as exhibicións de scalextric, os obradoiros para familias con bebés "Medrar en familia", a xornada de pesca sen morte na granxa do Xesto , o obradoiro infantil en colaboración coa Fundación SGAE- este ano adicado á confección de bonecos e títeres- e vólvese a apostar polo exercicio físico e a educación vial con "Pedalea Compostela", nesta edición cunha ruta polos arredores do rio Sarela.

Entre as novidades salientan algunas como paseos saudables polos parques, un obradoiro de achegamento ás danzas urbanas, un obradoiro de exhibición á tecnica do graffiti, outro de percusión na rúa con Trópico de Grelos, unha festa infantil intercentros e dúas galas de maxia como remate do curso de iniciación á maxia para nenos que se desenvolveu durante o ano.

O programa tamén inclúe accións habituais do curso sociocultural coma os bailes, as excursións ou as rutas didácticas, e no mesmo colaboran outros axentes na organización e execución dalgunhas actividades, como é o caso da Fundación SGAE, as Asociacións veciñais de Figueiras e da Gracia, ou a sociedade de Caza e pesca La Venatoria.

As actividades, en canto á participación nas mesmas, agrúpanse en tres tipos. Por un lado, están as actividades abertas e de balde, nas que os interesados simplemente se teñen que achegar ao lugar de celebración. Hai outras actividades de balde, pero con preinscrición, pola súa limitación de prazas. Finalmente, están as actividades con preinscrición e pagamento, como poden ser os campamentos de verán, as saídas ao parque acuático de Cerceda, as excursións e as rutas didácticas. No programa de man indícanse os prazos específicos de inscrición naquelas actividades nas que é preciso.

Mañás de verán e de xogo
Incluídos tamén en Vive o verán! están as Mañás de Verán en centros urbanos, Mañás de Xogo no Local Sociocultural de Nemenzo e ademais un campamento infantil en Figueiras, aberto para as parroquias de Laraño e Villestro e outro campamento infantil en A Gracia para as parroquias de Grixoa e Lamascal.

Compartir: