DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello promove unha iniciativa para potenciar a produción hortícula do rural a través de cooperativas

30/05/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, xunto cos concelleiros Luis Meijide e José María Rosende e o director-xerente de AGACA, Higinio Mougán, presentaron esta mañá en rolda de prensa a iniciativa Cinturón Verde de Santiago, un plan de información e divulgación da potencialidade produtiva hortícola no contorno rural levada a cabo pola Rede Eusumo.

Esta acción ten como finalidade impulsar o uso dos recursos agrarios das parroquias rurais do Concello de Santiago de Compostela. Para elo o que se pretende é aproveitar ditos recursos e potenciar o emprego na axuda das persoas con vocación de traballar neste medio ou con dificultades para a súa incorporación noutros eidos laborais.

A Consellería de Traballo e Benestar a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social, no marco da iniciativa Rede Eusumo, e o Concello de Santiago organizan para dar a coñecer a iniciativa unhas xornadas informativas, orientativas e de captación dirixidas aos veciños de Santiago interesados en cooperativizar a produción e a comercialización de productos hortícolas.

Estas xornadas impartiranse durante este mes de xuño en diferentes centros socioculturais. O vindeiro xoves, día 5 de xuño, no CSC "Agracia" terá lugar a charla para as parroquias de A Gracia, Castiñeiriño, Vista Alegre, Conxo e San Caetano; o 10 de xuño no CSC "Ruta Xacobea" será o turno para as parroquias de Labacolla, Carballal, Enfesta, Bando e Sabugueiras; o 12 de xuño no CSC "Río Sarela" será para A Peregrina, Grixoa, Laraño, Fecha e Santa Cristina de Fecha; o 17 de xuño no CSC "A Unión" parroquias de Figueira, Villestro e Vidán; o 19 no CSC "Coto da Nai" para Aríns, O Eixo e Marrozos, e por último o día 25 deste mesmo mes no CSC "Campo do Monte" impartiranse estas xornadas para as parroquias de Nemenzo, Marantes, Barciela, Busto Verdia e Cesar.

Desta forma, Cinturón Verde de Santiago busca conseguir unha acción colectiva baixo a fórmula cooperativa entre os produtores implicados. Facendo que a comercialización conte coa participación e implicación directa dos agricultores que vaian ser os seus protagonistas e coa finalidade de dar o impulso inicial a todas esas persoas interesadas e con vontade de consolidar unha maior vitalidade para o contorno rural de Santiago.

A concelleira María Pardo, salientou a importancia da medida á hora de aproveitar mellor os recursos do rural e como forma de dar unha saída a quen nestes momentos non pode atopar traballo.

Compartir: