BENESTAR SOCIAL

O Concello merca seis máquinas de coser para o cárcere de Teixeiro

04/08/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregou seis máquinas de coser ao Centro Penitenciario de Teixeiro, que se empregarán no taller de costura. A adquisición das máquinas por parte do Concello fíxose cos cartos da última edición do premio de investigación Xohana Torres, que na súa última edición quedara deserto.

O día do fallo do galardón Xohana Torres, decidiuse que os 3.000 euros cos que se dota o premio se destinarían a unha actividade formativa dirixida ás mulleres reclusas do cárcere de Teixeiro, xa que é aquí a onde van a maioría das mulleres con condenas de Santiago.

O acto de entrega celebrouse no salón de actos do módulo sociocultural da penitenciaría, onde o director do cárcere, Antonio Vázquez Prado, agradeceu ao Concello esta contribución, que axudará a mellorar o funcionamento do taller de costura. Este obradoiro leva un ano en activo e nel traballaban ata o momento só 4 internas pola falta de material. O incremento de máquinas permitirá aumentar esa cifra.

Pola súa parte, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción por poder contribuír á inserción laboral e social das presas do cárcere de Teixeiro, que chegan á cifra de 100, dun total de 1.400 internos.

Compartir: