XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as listas definitivas de admitidos nas escolas municipais infantís

28/05/2014 A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, deu conta en rolda de prensa dos acordos da última sesión. Un dos máis salientables foi a aprobación das listaxes definitivas para as escolas infantís municipais.

A Xunta de Goberno acordou aprobar as listaxes definitivas de admitidos, excluídos e listas de agarda nas Escolas Infantís Municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2014-2015.

Entre o día 1 e o 15 de xuño, as familias con nenos e nenas que teñan adxudicada unha praza para este curso escolar 2014-2015 deberán achegarse á escola infantil correspondente para proceder á formalización da matrícula. Na escola contarán con toda a información e asesoramento relativo ao seu funcionamento, poderán visitar as instalacións e recoller os impresos necesarios para a formalización da matrícula.

No caso de que algunha familia desista da praza obtida, poderá formalizar a renuncia na propia escola, o que facilitará que moitas familias en lista de agarda poidan acceder ás prazas vacantes. Esta situación producirase a partir do día 16 de xuño cando comece o chamamento da lista de agarda, unha vez se comproben as prazas vacantes para este curso escolar 2014-2015.

Ademais deste asunto, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Fundación Refuxio de Animais, en virtude do cal a entidade municipal achega 180.000 euros para o seu funcionamento neste ano 2014. Son 35.000 euros máis que o ano pasado e xa se adiantou o pago correspondente aos dous primeiros trimestres, segundo indicou a voceira.

Así mesmo, aprobouse a recepción das obras de urbanización do polígono 4 do Plan parcial de Fontiñas e concedéuselle unha licenza ao Consorcio de Santiago para a eliminación de filtracións de auga no Pazo de Congresos.

No apartado de urxencias, salienta aprobación do proxecto modificado das obras da rúa Raxoi. Esta modificación fíxose necesaria, segundo criterio dos técnicos, para o apuntalamento dun muro de parede a parede, máis seguro que aseguralo ao chan. Os traballos comezarán este vindeiro luns.

Tamén se aprobou o subministro dun vehículo lixeiro contraincendios mediante renting para o servizo de Bombeiros.

Compartir: