EDUCACIÓN

Educación colabora na celebración do Día Internacional do Celíaco cun menú específico nos comedores escolares

27/05/2014 O Departamento de Educación, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia, continúa coas actividades programadas para contribuír á divulgación entre a comunidade escolar de Compostela desta enfermidade. A Concelleira de Educación, María Castelao, participou no CEIP das Fontiñas dun xantar para celebrar o Día internacional do celíaco.

A primeira destas actividades tivo lugar o pasado 14 de maio no edificio CERSIA cunha xornada formativa sobre a dieta sen glute para os monitores da rede municipal de comedores escolares de santiago.

Para hoxe, martes 27 de maio, Día Nacional do Celíaco, o menú dos comedores escolares adscritos ao Servizo de Comedores serán intengramente un "menú apto para celíacos". Máis de 700 escolares que actualmente son usuarios do servizo de comedores poderán participar nesta experiencia educativa co obxectivo de informar e educar debidamente sobre unha enfermidade cunha incidencia cada vez maior.

Ademais, desenvolverase unha campaña informativa en todos os centros educativos de Compostela, coa distribución de folletos informativos sobre esta enfermidade, co obxectivo de achegarse ao maior número de escolares e familias.

Compartir: