EDUCACIÓN

Os alumnos de primaria do Colexio San Jorge foron os gañadores no Certame de Teatro Intercentros

26/05/2014 O Teatro Principal acolleu esta tarde a representación da obra "H" dos alumnos de primaria do Colexio San Jorge, que foron os premiados da XIX edición do Certame de Teatro Intercentros de Compostela e comarca na súa categoría. A concelleira de Educación María Castelao, fixo entrega dos diplomas aos centros participantes e de agasallos aos premiados.

Tras a representación o pasado luns, 12 de maio, da obra "Fóra de xogo", do grupo Vai no dentista, integrado por alumnos/as dos IES Arcebispo Xelmírez I e gañadores da edición de secundaria, esta tarde foi o turno da obra "H", a segunda premiada do Certame, que se representou ás 20:00 horas no Teatro Principal.

O certame deu comezo o 24 de abril e durante unha semana os diferentes grupo de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Arcebispo Xelmírez I, Rosalía de Castro e na Facultade de Educación. O propio alumnado asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, asi como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

Este XIX Certame de Teatro Intercentros, que organiza o Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela pretende dinamizar a actividade teatral nos centros de ensino para que o teatro deixe de percibirse como un fenómeno illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais, para pasar a incorporarse ao contorno sociocultural do estudante.

Documentos relacionados



Compartir: