CULTURA

As acrobacias e os malabares protagonizan a penúltima xornada do Festiclown

04/08/2006 A compañía mallorquina Res de Res trae ao Festiclown "Tempos", un espectáculo innovador cheo de acrobacias aéreas e música en directo. Esta nova actuación dentro da Mostra Internacional completa un día protagonizado por esta técnica e polos malabares.

"Tempos" foi finalista dos Premios Max 2006 ao Espectáculo Revelación. Preséntase coma un espectáculo de teatro visual onde se mesturan en directo teatro, música e circo. Unha montaxe cunha forte carga poética, onde a través das pantasmas dun escritor os intérpretes levan ao público a través dunha intensa viaxe emocional.

A compañía Res de Res presentouse ao público no 2000 co espectáculo 'Icars' e basean o seu traballo na "creación do xesto" e nas técnicas do mundo circense. No 2003 estrearon "Mara'", que consolidou o seu xeito de traballo. Tras viaxar por España e por trece países do mundo, presentan en Galicia "Tempos", ás 22:00 horas, no Teatro Principal.

Antes dos mallorquinos actuará o clown e shoman norteamericano Dirty Fred. O seu espectáculo mestura unha xenial técnica malabar coa incorrección divertida, coa busca da gargallada a través de actitudes noxentas e tamén coa ira do público. Os seus números son provocadores e unha invitación á rebeldía.

Polo demais, a xornada do sábado 5 estará marcada polos Encontros Malabares, que se desenvolverán nas prazas do Toural e da Quintana e no Polideportivo Vite 1. As actividades comezan neste último espazo, ás 12:00 horas, cos Obradoiros malabares. Xa pola noite, a partir das 23:00 horas, a Praza do Toural acollerá a Gala de artistas do circo e unha Clown Sesión. Xa para o domingo quedará a Olimpiada malabar na Praza da Quintana.

Compartir: