PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Novas propostas do programa "Vive, Vivencias, Vivamos" para os vindeiros meses de xuño e xullo

23/05/2014 Logo da formidable resposta dos cidadáns de Compostela a este programa de encontro e intercambio cultural desenvolvido pola rede de centros socioculturais do Concello, continúa a programación de actividades para os vindeiros meses de xuño e xullo, todas elas de balde.

Nesta ocasión visitaremos a Igrexa e o museo de San Martiño Pinario, un dos máis influíntes e grandes mosteiros beneditinos. No seu museo podemos atopar diferentes coleccións de pintura, ourivaría, botica, e outros obxetos que falan da vida cotiá dos monxes que o habitaron.

Viaxaremos de maneira virtual a Exipto a través da súa xente e dos seus costumes, no CSC das Fontiñas.

A seguinte visita realizarase á exposición Auga Doce, na Cidade da Cultura, que a través de diferentes obras artísticas quere mostrar a gran riqueza e estreita relación de Galicia coa auga.

Realizaremos unha ruta pola beira do ría Sarela, onde poderemos gozar da abundante natureza que o acompaña, así coma coñecer a importancia histórica deste río na cidade de Compostela.

Na seguinte saída gozaremos dun paseo polo casco vello para contemplar as gárgolas que se agochan no granito da cidade.

Xa para rematar visitaremos o Pazo de San Lourenzo e os seus espléndidos xardíns, onde faremos unha viaxe no tempo e coñeceremos coma era a vida nos pazos de Galicia.

O prazo para inscribirse abrirase o vindeiro día 3 de xuño, e poderase facer nos CSC de Conxo, do Ensanche, de Vite, de Fontiñas, do Castiñeiriño e de Santa Marta. As prazas son limitadas.

O programa continuará en setembro con novas propostas, como a creación dun club de historia aberto á cidadanía dentro da rede de centros socioculturais do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: