XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as normas para a celebración das cacharelas de San Xoán

22/05/2014 A voceira adxunta da Xunta de Goberno Local, Reyes Leis, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na última sesión salientando a aprobación das normas que rexerán a celebración das cacharelas de San Xoán. Tamén se aprobou o proxecto básico do centro de saúde de Galeras.

Estas normas poderán consultarse na web do Concello e tamén a través da web poderanse facer as solicitudes para as cacharelas entre o 2 e o 16 de xuño ata as 14 horas. Terán prioridade as asociacións veciñais e culturais.

Ademais das normas sobre seguridade, distancia, volume do que se queima, etc, lémbrase que queda expresamente prohibido realizar cacharelas nas seguintes prazas: Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Inmculada, Mazarelos, Irmán Gómez e San Agustín.

Noutra orde de cousas, a proposta da concelleira delegada da Área de Desenvolvemento Urbano e Sostible, deuse o visto bo á aprobación provisional da modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1), no ámbito da reserva de equipamento RU-10. Virxe da Cerca, 6. A XGL do 6 de marzo de 2014 aprobara incialmente esta modificación a raíz dunha solicitude presentada pola Fundación Centro Galego de Solidariedade co obxecto de que se lle poida dar, dentro do uso asistencial que xa ten, o uso de aloxamento temporal en albergues ao equipamento referido.

Así mesmo, apróbase o proxecto de Regulamento Orgánico para a organización e funcionamento da Asesoría Xurídica do Concello. Esta proposta faise en base ao artigo 129 da Lei de bases de réxime local, que establece que a Asesoría é un órgano necesario e o seu titular é un órgano directivo polo que a súa regulación debe facerse mediante un regulamento orgánico. Este será sometido ao Pleno da Corporación para a súa aprobación.

Dentro das urxencias, aprobáronse diversos convenios de colaboración coas seguintes cuantías económimcas: Real Sociedade Económica de Amigos del País, 6.200 €; Curso universitario internacional Música en Compostela, 3.825 €; Confraría da Vera Cruz, 2.500 €; Federación de Libreiros de Galicia, 3.825 €; e Escudería Compostela-Rally Botafumeiro, 10.000 euros.

Tamén se aprobou o inicio do expediente de contratación dos traballos de actualización do catastro sobre inmobles urbanos e inmobles rústicos con construcións. O importe de licitación deste contrato é de 120.000 euros/ano.

Dentro das licenzas, aprobouse o Proxecto Básico e de Execución do centro de saúde de Galeras, sito na Rúa Entrerríos, por importe de 2.419.000 euros. Reyes Leis cualificou de boa noticia este novo paso para a construción do centro, que executará a Consellería de Sanidade.

Compartir: