REHABILITACIÓN

O Programa de Edificios Tutelados porá a disposición dos cidadáns alugueiros asequibles no casco histórico

04/08/2006 A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, presentou a primeira convocatoria do Programa de edificios tutelados. A iniciativa é o froito de "aunar forzas entre o Concello, o Consorcio e Emuvissa para seguir traballando nas políticas de rehabilitación e de vivenda", apuntou. Grazas ao Programa, os cidadáns poderán acceder a alugueiros con prezos asequibles nun marco privilexiado como é a zona histórica.

A convocatoria para os propietarios dos inmobles xa foi remitida á Deputación da Coruña e será publicada nos vindeiros días. A partir desa data, os interesados disporán de dous meses para presentar as súas solicitudes na Oficina de Rehabilitación, ubicada no Pazo de Vaamonde. Unha vez seleccionados os proxectos, as obras comezarán de inmediato. Segundo indicou a concelleira, "o froito destas actuacións de rehabilitación poderán visualizarse xa no último trimestre do ano que vén".

O Programa de Edificios Tutelados contempla a rehabilitación de certos edificios moi deteriorados que precisan dunha intervención importante. O investimento realizado nestes edificios, despois da elaboración dun proxecto e dun estudo económico, recuperarase a través da explotación do mesmo inmoble en réxime de aluguer. Posteriormente realizaranse os estudos técnicos e as estimacións dos custos, os acordos cos propietarios e, rematada a rehabilitación, o alugueiro dos pisos. Estas repartiranse entre o Consorcio (parte técnica), o Concello (convocatoria e selección) e Emuvissa (xestión do aluguer).

A iniciativa afectará a edificios completos que, non estando en ruínas nin en situación de infracción urbanística, sexan confiados polos seus propietarios á tutela da Administración. O orzamento destinado ao Programa é de medio millón de euros, e o límite do presuposto para as obras de rehabilitación chega aos 800 euros por metro cadrado e ao 60% do custo da intervención.

O prazo mínimo fixado para a recuperación do investimento e no que, polo tanto, no se poderá cambiar o uso do inmoble é de 12 anos, se ben se pode estender en función da contía da intervención realizada. En canto ao financiamento o Consorcio cubrirá o 60% do custo da obra a fondo perdido, mentres que Emuvissa achegará o 40% restante coa amortización do aluguer dos inmobles.

Compartir: