ALCALDÍA

Alumnos do CEIP Colexiata de Sar entrevistan ao Alcalde

06/04/2005 Rapaces de 5º do CEIP Colexiata de Sar achegáronse á Casa do Concello co fin de entrevistar ao Alcalde compostelán para a revista "Raiola", que edita anualmente o seu centro.

"É vostede millonario?", "Que se sente cando sae na radio, na televisión e nos xornais?", "Que tipo de arte lle gusta?" A estas e outras difíciles preguntas tivo que enfrontarse o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, durante a visita dunha vintena de rapaces do CEIP Colexiata do Sar.

Ao seu remate, os alumnos non parecían defraudados das respostas. Cando menos, a maioría deles levantaron a man ao preguntarlles se lles gustaría ser alcaldes de maiores. As razóns, obvias: "Eu quero ter unha casa como esta, e un despacho así tamén", "para axudar aos pobres", "para coidar Santiago", "para mellorar as cousas" respondían entusiasmados.

Claro que ser alcalde tamén ten a súa parte mala, lembroulles a mestra, "que foi o que vos dixo do sacrificio?" "que só podía estar coa familia os domingos", respondía Brais, "que os sábados tamén os ten ocupados", dicía Kim, "que traballa todos os días ata as 11 da noite!" lembraba Pablo.

Durante a entrevista houbo tempo incluso para falar de como ían as vivendas de protección oficial, de arte –cantos xornalistas composteláns que o músico preferido do Alcalde é Bethoveen, que gosta moito da arquitectura e que admira aos pintores románticos?-, e incluso dos tres desexos que pediría se se poidesen cumprir. A saber: paz e felicidade para todos os composteláns, cancelar as débedas do Concello, e que o AVE chegue pronto á cidade, contaban os rapaces.

A finalidade desta entrevista é a súa publicación na Revista Raiola, que edita o centro anualmente. Por outra banda, os rapaces invitaron a Sánchez Bugallo á plantación de árbores autóctonos co gallo do 25 aniversario do seu centro, que terá lugar o 5 de xuño deste ano. "A ver se pode vir, porque está tan ocupado", razoaban mentres se despedían da Casa do Concello.

Compartir: