CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Praza da Quintana acollerá o sábado 24 actividades para todos os nenos en conmemoración do Día do Xogo

20/05/2014 O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou o "Feirón de Xogos", unha xornada lúdica dedicada ao "Día do xogo", aberta a nenos e nenas de toda a cidade prevista para o sábado 24 de maio a partir das 11 horas na Praza da Quintana.

O obxectivo é convocar a nenos/as (5 a 14 anos) tanto das aulas de xogo dos centros socioculturais como de toda a cidade, arredor dunha actividade lúdica, "Feirón de xogos", que se desenvolverá na Praza da Quintana co obxectivo de conmemorar o día do xogo (28 maio) e dar visibilidade ao traballo que desenvolven os centros socioculturais, a súa rede e a súa actividade, especialmente a través dos espazos de xogo.

A actividade está organizada polos equipos de animadores de aulas de xogo dos distintos centros socioculturais de Vite, Santa Marta, Conxo, Ensanche, Fontiñas e de locais doutros barrios de Santiago e contará tamén coa colaboración de mozos do programa de Voluntariado Europeo. Serán arredor de 15 profesionais do tempo libre que atenderán esta atractiva actividade que agarda acoller a un amplo número de nenos/as.

Por este motivo, o concelleiro quixo agradecer e felicitar a todos os membros destes equipos de animadores das aulas de xogo dos centros socioculturais polo traballo que están a facer, non só por organizar este Feirón de Xogos senón por todo o traballo que, dende o anonimato, desenvolven durante todo o ano para que os cidadáns de Compostela poidan gozar de xornadas lúdicas, informativas, sociais ou educativas como é este Día do Xogo. Por iso, o edil, dedicou estas palabras de agradecemento a Yovana, Sandra Q, Sandra F., Eva, Suso, Sara, Jaime, Amara, Adrian, Raquel, Raúl, Rubén, Simona, Eugenia, Teresa, Xulio, Teresa e Bea, que "cada día mostran o seu entusiasmo e implicación cara esta Concellería".

O programa de xogos previsto desde as 11 horas ata as 13:30 horas na Praza da Quintana artellarase arredor dun "Feirón" cheo de propostas diversas (postos de xogos) polas que os rapaces poderán pasar.

Para participar facilitaráselles aos nenos/as unha tarxeta de xogo e ata unhas moedas especiais para uso corrente, "as quintanillas", que permitirán dar acceso aos xogos e si algún rapaz quedara sen diñeiro, un "usureiro" (prestamista) será o encargado de negociar cos nenos para que consigan máis quintanillas mediante probas e negociacións.

Haberá xogos de puntería, xogos de relevos, carreiras de sacos, chapas…, todos eles con nomes tematizados que farán recordar épocas pasadas coas prazas cheas de rapaces xogando. Tiro a berenguela, xogo de relevos das monxas, a meiga da parra ou os sacos dos peregrinos son algun dos nomes elixidos para estas actividades.

Cada vez que os pequenos pasen por 3 actividades deberán acudir ao xogo dinamizador, no que as propostas formuladas son de movemento, como o xogo do inmortal, brilé, pilla...Ao final da xornada un gran xogo animará a todos os rapaces participantes a divertirse xuntos.

Ademáis un stand informativo permitirá a todos aqueles interesados coñecer as características e modo de funcionamento do Feirón para poder participar das actividades

Horario de desenvolvemento da actividade:
11:00 xogos de benvida
11:30 feirón
13:00 gran xogo final

A participación nesta actividade é gratuita.
En caso de choiva suspenderase e buscarase outra data alternativa.

Máis información e descarga do cartel e programa de xogos nos centros socioculturais e en www.santiagosociocultural.org

Documentos relacionados



Compartir: