ALCALDÍA

Os rapaces de Compostela aprenden as claves da reciclaxe co programa "Separemos ben, reciclemos mellor"

16/05/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Educación, María Castelao, acompañaron aos conselleiros de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e de Educación, Jesús Vázquez, na súa visita ao CEIP de Vite, con motivo do Día mundial da reciclaxe, que se conmemora o 17 de maio.

O obxectivo desta campaña, que realiza a Consellería de Medio Ambiente en colaboración con Sogama, Ecoembes, SIX Ecopilas, ERP (Europoean Recycling Platform) e Ecolec, é informar e concienciar sobre a recollida selectiva e a reciclaxe para reducir os impropios, intentando conseguir unha maior implicación por parte da cidadanía na correcta xestión dos residuos domésticos.

Esta campaña comezou en xullo de 2013 e prolongarase durante o vindeiro curso 2014-2015, xa que o balance é moi positivo, constando 37.000 persoas beneficiadas: máis de 16.000 alumnos de 139 centros (primaria, secundaria, bacharelato e ciclos) visitados; máis de 20.000 veciños de 116 concellos informados a través da aula móbil; e outras 338 persoas de 37 asociacións participaron en charlas informativas.

Este programa obtivo un recoñecemento a nivel europeo que lle permitirá formar parte do 3 ao 5 de xuño da Green week 2014 (como "evento satélite") en Bruxelas: só 5 comunidades autónomas españolas acadaron presenza neste evento e supón unha motivación extra para seguir na mesma liña de traballo desde a Xunta. Na Green Week darase a coñecer a campaña como exemplo boa práctica cara á concienciación da reciclaxe.

A redución da xeración de residuos por habitante e día pasou de 1,22 kg en 2009 a 1,053 kg en 2013, é dicir, baixou un 13%. De envases lixeiros en Galicia recóllense de media 9,4 Kg por habitante e ano, mentres que a media de España está en 11,3. En papel e cartón, pola súa banda, recóllese de media 13,2 kg por habitante e ano, mentres que a media de España está en 16,3 kg.

Compartir: