COMERCIO

A Escola de Comercio estará en Volta do Castro

03/08/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza coa directiva da Agrupación de Comerciantes de Santiago (Acotes), na que abordaron algúns dos temas que preocupan a este colectivo. Entre outros puntos, falouse da construción da Escola de Comercio, que finalmente se ubicará nunha parcela de 5.000 metros cadrados cedida polo Concello en Volta do Castro (Conxo).

A directiva de Acotes amosou a súa satisfacción por este punto, así como pola posibilidade dun novo aparcadoiro na zona universitaria, dunhas 400 prazas, entre a escalinata e o estanque. A asociación fixo público o seu desexo de xestionar este aparcadoiro e o alcalde convidounos a participar no concurso que se abra ao efecto.

Outro dos temas tratados foi o da cooperativa de vivendas que Acotes pretende facer coa participación dos seus asociados. A este respecto, alcalde e directivos afirmaron ter xa a idea de onde se construirán estas residencias.

Finalmente, os comerciantes transmitíronlle a Sánchez Bugallo o seu apoio ao proxecto da futura estación do AVE, se ben manifestaron a súa preocupación polos espazos comerciais que conterá. Neste sentido, Acotés indicou o seu desexo de participar nesta área comercial cun centro comercial aberto ao que teñan acceso os comerciantes composteláns. O alcalde amosouse interesado nesta idea e a súa disposición a que os comerciantes da cidade se poidan instalar na nova estación.

Compartir: