DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello inviste case un millón de euros no arranxo da avenida de Vilagarcía e tres viais máis

14/05/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou en rolda de prensa as actuacións que levará a cabo o Concello dentro do Plan DTC, subvencionado pola Deputación da Coruña con 750.000. Serán catro obras que supoñen un investimento total de un millón de euros.

Unha das obras máis salientables será a repavimentación da avenida de Vilagarcía, traballo no que se investirán 496.733,51 euros. O tramo obxecto do proxecto de reurbanización correspóndese coa traza da antiga estrada a Vilagarcía, que daba servizo á Estación de Cornes, desde onde partía a primeira liña férrea construída en Galicia cara ao porto de Carril. Hoxe este tramo de estrada forma parte do viario do Ensanche, trazado a principios do século XX, aínda que edificado fundamentalmente a partires dos anos sesenta dese pasado século.

O estado actual das beirarrúas, da calzada, das bandas de aparcamento, e do arborado que se empraza entre as beirarrúas e a calzada é bastante deficiente, aconsellando a súa mellora, no mesmo senso que se foron mellorando a práctica totalidade das rúas do Ensanche. De todos modos, hai que destacar que a pavimentación da calzada está realizada en lastro de pedra granítica -un material de alta calidade-, colocado ao modo tradicional en que se pavimentaban as calzadas decimonónicas, e que, a pesares de que presenta certos desperfectos, aínda sería susceptible de reparación sen custo material, seguindo as técnicas tradicionais.

Sen embargo, como indicou a concelleira, resulta evidente a necesidade de substituír a rede de abastecemento de auga potable, de recoller independentemente as augas residuais e as pluviais, de mellorar o alumeado público, e de adaptar as redes dispersas de telecomunicacións ás normativas e lexislacións recentes e prever conexións a todos e cada un dos inmobles, se non se quere que novas demandas de acometida supoñan continuas roturas e reposicións do pavimento. A obra conta cun prazo de execución de 8 meses.

Reurbanización do Camiño da Raxeira
A esta obra destinaranse 199.523,71 euros e fíxase un prazo de execución de 2 meses.O ámbito de actuación componse de dúas pezas de espazos libres públicos previstas no planeamento de Santiago de Compostela: o espazo ZL-73, previsto polo documento de Modificación e Adaptación do Plan Especial de Reforma Interior de Outeiro; e o espazo ZL-86, que forma parte dunha serie de pequenos espazos de xogo no Plan Parcial de Fontiñas. A superficie da actuación é de 3.237 m2.

O estado actual é de urbanización parcial en mal estado con zonas sen urbanizar e ocupación indiscriminada e desordeada do espazo por vehículos, tanto para acceso á garaxes nas traseiras da Rúa Raxeira como para aparcamento en superficie, resultando un espazo ambiental-mente degradado, con problemas de mobilidade, accesibilidade e seguridade.

O obxectivo fundamental é lograr un estándar de urbanización adecuado, que contribúa á mellora da calidade ambiental do conxunto da cidade. Neste caso os obxectivos concretos son, en primeiro lugar, reforzar o carácter de cruce de camiños do espazo a urbanizar. Para isto consolidaranse os trazados existentes e de forma especial o paso transversal da Rúa Raxeira á Rúa Dublín. Neste trazado prevese a eliminación de tráfico rodado reservando ao calexón da Raxeira para o tránsito peonil (co acceso restrinxido exclusivamente á accesos a garaxes) e o acceso ao portal da edificación situada no número 40 da Rúa Raxeira, ao que se lle posibilitará un acceso a cota, eliminando a escaleira existente.

En sengundo lugar, manter o carácter axardinado da zona central, en continuidade coa urbanización iniciada no arranque do espazo xunto á Rúa Outeiro de Sar. Por último, organizar o acceso de vehículos ás edificacións da Rúa Raxeira, previndo un vial colin-dante cos espazos libres privados de acceso a sótanos, con una dimensión transversal m-nima que, permitindo o paso, elimine a posibilidade de aparcamento en superficie no espazo público.

As actuacións principais previstas son a urbanización do tránsito peonil transversal entre a Rúa Raxeira e a Rúa Londres/Dublín, a construción dun viario de acceso rodado ás traseiras da Rúa Raxeira e o axardinamento do espazo estancial entre o camiño da raxeira e a Rúa Londres.

Mellora de seguridade viaria na rúa da Cañoteira e Reforzo de firme na via pública a Avieiria (Cesar)
Coa primeira das actuación trátase de mellorar a seguridade vial na rúa Cañoteira cun importe de 192.534,69 euros e un prazo dun mes. Para iso construiranse catro beirarrúas, conectadas por pasos de peóns e instalarse un dispositivo moderador de velocidade no paso de peóns que une dúas das novas beirarrúas.

Na segunda actuación, as obras emprázanse e execútanse nas parroquia de Cesar - Enfesta, ao norte do término municipal e contan cun prazo de execución de 3 semanas.
No lugar mencionado existe unha pista en mal estado debido ao uso e ás inclemencias do tempo. Co fin de mellorar a comunicación entre os lugares de Avieira, Cesár e Enfesta, faise necesaria a súa reparación. As obras a realizar consisten fundamentalmente no reforzo do viario e actuaurase sobre unha superficie 1.536 m de longo e con ancho medio de 4,50m. Os traballos consisitarán na apertura e limpeza de gabias en ambas as dúas marxes, o escarificado do pavimento actual con aporte de 10 cm de macádam, un tratamento semiprofundo bituminoso sobre rego de imprimación, un tratamento superficial bituminoso con rego de emulsión e rego de selado.

Esta obra únese aos 900.000 euros de inversións no rural solicitados á Deputación no marco do POS 2014 e aos 650.000 euros de recursos propios que se adican ao mantemento das pistas e á roza e limpeza de cunetas, gabias e pistas do rural.

Compartir: