ECONOMÍA

O Concello e a Cámara de Comercio renovan o acordo para a formación en autoemprego e emprendemento de mozos e mozas da cidade

09/05/2014 O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio, Industria e Navegación asinaron hoxe un convenio de colaboración para a realización dun programa de Dinamización e Fomento do Espírito Emprendedor no Ámbito Educativo. No acto de sinatura participaron o presidente cameral, Jesús Asorey, e a concelleira de Economía, Emprego, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis, ademais do secretario xeral da Cámara, Fernando Barros.

Este convenio, vixente ata o 31 de decembro, ten por obxecto establecer unha colaboración para favorecer a formación dos máis novos na cultura do autoemprego e o emprendemento, difundindo os valores asociados ao espírito emprendedor, á creación de empresas e á mellora da xestión empresarial. Estas xornadas de fomento do espírito emprendedor na escola facilitarán o desenvolvemento de iniciativas dirixidas ao autoemprego, descubrindo e fomentando iniciativas empresariais que permitan mellorar e completar o tecido empresarial máis en concordancia coas novas estruturas tecnolóxicas e organizativas.

Estas iniciativas desenvolveranse nos colexios e institutos do termo municipal de Santiago, con alumnos de educación secundaria e formación profesional. Celebraranse charlas divulgativas nos centros escolares e visitas guiadas ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, situado no polígono de Costa Vella, a partir do mes de setembro co inicio do novo curso escolar.

Con estas actividades, a entidade cameral e o Concello queren achegar aos alumnos ao mundo empresarial, amosarlles o autoemprego como unha opción laboral viable e explicarlles as vantaxes e inconvenientes de traballar tanto por conta propia como allea. No groso das futuras charlas, dunha hora e media de duración, e das visitas guiadas á incubadora empresarial durante dúas horas, tocaranse temas básicos do universo empresarial coma o nacemento dunha empresa, as formas xurídicas que a rexen ou os recursos dos que dispón un emprendedor para levar adiante a súa proposta mercantil, entre outros.

Creatividade, iniciativa e responsabilidade, características dun emprendedor de éxito
Desde a Cámara de Comercio aseguran que entre os obxectivos da educación ten que estar sempre presente o fomento da calidades persoais que constitúen a base do espírito emprendedor: a creatividade, iniciativa, responsabilidade, capacidade de afrontar riscos e a independencia ou autonomía no traballo. A finalidade destas xornadas é contribuír ao desenvolvemento destas calidades persoais desde idades temperás; fomentar as iniciativas emprendedoras desde o ámbito educativo, potenciar os valores empresariais e informar, sensibilizar e transmitir a opción do autoemprego como unha alternativa digna e viable.

Compartir: