XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo a investimentos por case dous millóns de euros

08/05/2014 A voceira adxunta, Reyes Leis, deu conta en rolda de prensa dos acordos aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno, entre os que destacan a adxudicación da obra do centro cívico do Romaño ou o visto bo á participación do Concello no Plan DTC da Deputación da Coruña, a través do que se financiarán as obras de repavimentación da avenida de Vilagarcía, entre outras.

A Xunta de Goberno local aprobou a proposta da concelleira de Desenvolvemento Sostible, a participación do Concello de Santiago de Compostela no Plan "DTC 93", da Deputación da Coruña, a través do cal se financiarán varias obras na cidade. Grazas a este plan levarase a cabo a repavimentación da avenida de Vilagarcía, cun orzamento de 496.733,51 € e cun prazo de execución de 8 meses; a reurbanización do Camiño da Raxeira, cun orzamento de 199.523,71 € e cun prazo de dous meses; e o reforzo de firme na vía pública a Avieira (Cesar), cun orzamento de 54.844,95 €. Finalmente, tamén se aprobou un proxecto complementario para a mellora da seguridade vial na rúa da Cañoteira cun orzamento de 192.534,69 € e cun prazo de execución de catro semanas.

Así mesmo, aprobouse a adxudicación das obras do Centro Cívico do Romaño-Vista Alegre, incluídas no Programa Urbana Santiago Norte, á empresa F.GÓMEZ Y CÍA S.L. por un importe de 763.799,99 € IVE incluido e un prazo de 10 meses. Este proxecto tiña un orzamento de licitación de 937.750 € IVE incluido e ó concurso presentáronse 13 empresas.

Este centro, que terá uso sociocultural e como centro de día, construirase sobre unha parcela de 1.200 metros cadrados, situada na travesa de Vista Alegre, e terá dúas plantas: unha primeira de 628 metros cadrados e a segunda de 321. O inmoble contará con sala de usos múltiples, biblioteca, aula de informática, aula con cociña, aula individual, despachos e outras dependencias.

Na liña de rendibilizar os centros socioculturais, xurdiu o proxecto de aproveitar as horas que en condicións normais permanecería pechado para ofrecer aos veciños do Romaño outro servizo demandado por eles. Así, crearase un centro de día, que funcionará pola mañá e nas horas da tarde previas ás actividades socioculturais.As características do novo local adáptanse a esta función de centro de día. A idea é que unha empresa ou asociación dedicada ao traballo con persoas maiores se encargue de realizar as actividades do mesmo. Este equipamento forma parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Nesta sesión tamén se adxudicaron as obras do proxecto complementario da urbanización do Polígono A do SUNP-6, San Lázaro á empresa CYS Hispania S.L. por un importe de 144.670,81 €. Esta obra tiña un presuposto de licitación de 205.898,97 € e un prazo de execución de 4 meses.

En total, esta Xunta de Goberno Local aprobou investimentos por cerca de 1.860.000 euros.

Outros asuntos
No apartado de licenzas, concédeuselle unha á USC para a mellora e adecuación do Xardín Botánico por importe de 137.000 euros.

Ademais, deuse conta da sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e a Fundación Eugenio Granell para o ano 2014.que permitirá que a entidade municipal achegue á Fundación 126.000 € para a colaboración no mantemento da Fundación e a realización de diversas actividades da mesma.

Por último, a proposta da concelleira de Normalización Linguística, aprobouse solicitar unha subvención das establecidas pola Secretaría Xeral de Política Linguística mediante a cal se poderán levar a cabo diferentes accións dende o Concello en relación coa lingua tales como: Letras Galegas, I Concurso de video-creación para centros de ensino, Conto viaxeiro ou o II Concurso de proxectos de publicidade commercial. A subvención solicitada ascende a 12.000 euros.

Compartir: