FESTAS

Vendidas as primeiras 500 localidades do concerto de Los Planetas para as festas do Apóstolo

07/05/2014 Máis de medio milleiro de entradas vendidas para o directo que Los Planetas ofrecerá o 25 de xullo na Praza da Quintana. O grupo invitado no concerto é a banda galega Disco Las Palmeras que serán os encargados de abrir a actuación.

Gran acollida a que está a recibir a actuación de Los Planteas en Santiago de Compostela para as festas do Apóstolo cando aínda restan máis de dous meses para o concerto. A praza da Quintana será o escenario elixido para un directo que será o único que ofrecerá o grupo granadino en Galicia, e, polo momento, en España.

As entradas para o concerto pódense adquirir por un prezo anticipado de 20 euros e 25 euros o mesmo día do concerto. A compra on line pódese realizar a través da Rede Ticketmaster; e recollelas na Fnac, Novagalicia Banco, Carrefour e Halcón Viajes, e Ticketea. Os puntos de venta física en Santiago de Compostela son A Reixa Tenda, o Teatro Principal e o Centro Comercial As Cancelas, pero existen tamén puntos de venda na Coruña, Vigo e Ourense.

Banda Disco Las Palmeras
A banda galega Disco Las Palmeras serán os encargados de abrir o concerto de Los Planetas o 25 de xullo na Praza da Quintana.

Un grupo que debutou con Nihil Obstat e que sacudiu aos alicerces da música independente. Foi disco do ano en varias publicacións e entre os mellores para case todas as demais, ademais de levalos a participar en moitos dos festivais máis soados do país.

Á súa impactante proposta de ruidismo rock únese un conxunto de composicións maduras e diversas, explorando todas as capacidades do cambio e abrindo novos horizontes da man das letras que mostran o estado de graza compositiva polo que atravesan.

Coa forza e a intensidade como armas tecen un álbum con doce temas que oscilan entre a urxencia punk (Parte Da Engrenaxe), o shoegaze ("Asente", Alfa e Omega, "Cando aínda había esperanza"), a fantástica arquitectura de hit ruidista ("Ultra" e "Exercicio De Ingenuos") ou a rabiosa fraxilidade ("Algo máis"), na que contan coa colaboración das voces de Marta González e Antía Filgueiras de Wild Balbina.

Compartir: