ALCALDÍA

O Foro Cívico Empresarial súmase á defensa da demarcación xudicial

07/05/2014 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, continúa cos actos para recabar apoios para o mantemento do partido xudicidal de Santiago tal e como está agora. O rexedor, asistiu esta tarde á xuntanza do Foro Cívico empresarial na sala de xunta da Cámara de Comercio.

O alcalde santiagués, tras as reunións anteriores que mantivo cos avogados, procuradores, grupos municipais e co presidente da Cámara do Comercio, continúa a traballar para manter a actual distribución da planta xudicial xa que a nova que define o Antreproxecto de lei do poder xudicial tería serias consecuencias para a cidade. Non obstante, considera un paso adiante as recentes declaracións do ministro de Xustiza e espera que o desenvolvemento do trámite parlamentario permita á cidade manter os 14 xulgados e a delegación da Audiencia.

O alcalde considera que Santiago é un caso especial e que como capital de Galicia lle tería correspondido ser sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Jesús Asorey, presidente da Cámara de Comercio xa mostrou o seu apoio ao alcalde compostelán na reunión do pasado 16 de abril no Pazo de Raxoi, respaldando a demarcación xudicial de Santiago tal e como se atopa ata o de agora.

Nesta ocasión, no Foro Cívico empresarial, o alcalde volveu lembrar que o partido xudicial de Santiago de Compostela é un dinamizador económico da capitalidade do partido, está constatado e ten unha dimensión axeitada. Abarca 26 municipios e 274.366 habitantes, cunha carga de litixiosidade importante e polo tanto, ben dimensionado.

Ademáis indicou que aínda que desaparezan os partidos xudiciais, débese manter o Tribunal de instancia cunha demarcación que non sexa provincial e conseguir "que Santiago siga mantendo os 14 xulgados", xa que a nova proposta "alonxa aos cidadáns da xustiza", debido a que "hai que ter en conta as circunstancias xeográficas e as características dos asentamentos e a dispersión da poboación".

Compartir: