EMPREGO

Santiago ten mil parados menos que hai un ano

06/05/2014 O número de persoas paradas en abril foi de 8.741, fronte ás 9.771 que houbo en abril do 2013 e as 9.467 de abril de 2012. O pasado abril foi o mellor dende o comezo da crise económica, con 264 parados menos respecto do mes de marzo, un 2,93% menos.

O pasado mes de abril consolidou a reducción no número de persoas rexistradas no paro que está a vivir Santiago dende hai un ano. Houbo un descenso de 264 persoas apuntadas no paro respecto do mes de marzo, un 2,93% menos. Trátase dos mellores datos neste mes dende o comezo da crise económica. Estas cifras confirman tamén os bos datos turísticos da Semana Santa na cidade e afianzan as boas previsións respecto da temporada alta, na que se prevé un novo récord de pernoctacións do turismo internacional, superando o récord histórico alcanzado no 2013, e se prevé tamén unha certa recuperación do mercado español.

Evolución das persoas rexistrados no paro en Santiago en abril respecto a marzo

Absoluto Porcentaxe
2008 -46 -0,79%
2009 -97 -1,35%
2010 -180 -2,29%
2011 -203 -2,39%
2012 107 1,14%
2013 -5 -0,05%
2014 264 -2,93%

Os datos de abril supoñen aumentar o ritmo do descenso interanual no número de persoas rexistradas no paro na cidade, que se produxo por primeira vez no pasado mes de xullo logo de que este indicador medrase na cidade durante 63 meses seguidos, dende abril do 2008. No mes de abril deste ano houbo 8.741 persoas rexistradas no paro na cidade, o que representa un 10,54% menos que as 9.771 de abril do ano 2013. O dato de abril é incluso inferior que o de abril do 2012, cando houbo 9.467 persoas rexistradas no paro. Este feito xa sucedeu nos meses de febreiro e marzo, cando houbo non só menos persoas rexistradas no paro que nos mesmos meses do ano 2013, senón tamén que nos do 2012.

Os datos de abril, como xa ven sucedendo nos meses precedentes, apuntan tamén a que Santiago está vivindo unha evolución das persoas rexistradas no paro mellor tanto á de Galicia como á de España. Mentras que na cidade o descenso respecto ao mes de febreiro foi do 2,93%, en Galicia o descenso foi do 2,29% e en España foi do 2,30%. En termos interanuais, Santiago tivo en abril un descenso do 10,54% respecto de abril do 2013, mentras que en Galicia o descenso é do 6,99% e no conxunto de España do 6,1%.

Os datos de abril confirman que a cidade está xa nun cambio de tendencia na evolución do paro na cidade, xa que dende hai un ano compróbase mes tras mes que hai unha evolución positiva respecto dos anos precedentes. De feito, na cidade hai menos persoas rexistradas no paro non só que no ano pasado, senón tamén que no 2012. Sen embargo, como se leva facendo dende que os datos comezaron a ser positivos hai un ano, dende o Concello de Santiago quere facerse unha lectura prudente dos resultados, posto que hai un número importante de composteláns que continúan pasando por situacións difíciles.

Documentos relacionados



Compartir: