XUNTA DE GOBERNO

O Concello destinará 300.000 euros á reparación e mantemento dos pavimentos e viais do termo municipal

30/04/2014 A Xunta de Goberno Local aprobou o inicio do expediente para a contratación do servicio de mantemento e reparación dos viais no termo municipal, deu luz verde ao proxecto de reurbanización da rúa Carretas así como ás axudas para o movemento asociativo de mulleres.

A voceira da Xunta de Goberno Local, María Pardo, amosouse especialmente satisfeita polo inicio do expediente para a contratación de conservación, mantemento e reparación de pavimentos en viarios municipais do término municipal non incluidos no ámbito da Cidade Histórica de Santiago. Segundo a concelleira da Área de Desenvolvemento Urbanos a contratación deste servizo permitirá reparar de forma máis áxil ás fochancas que se producen na cidade. De feito, a empresa concesionaria deberá habilitar un servizo que permita aos cidadáns avisar das deficiencias que haxa nas rúas e poñelas en coñecemento do concello vía telemática ou por teléfono. O tipo de licitación é de 300.000 euros e a edil conta con que se estea adxudicado para agosto.

Tamén da área de Desenvolvemento Urbano Sostible, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Carretas, que da resposta a unha demanda veciñal contemplando a peonalización da mesma. Só se permitirá o acceso a residentes e á policía local. A intervención recollida neste proxecto forma parte dunha serie de actuacións estruturadas desde a OCIHR para a mellora do espazo existente na actualidade e contou coa aprobación por unanimidade da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico. O obxecto desta actuación é continuar coa reforma e completar a reconfiguración do eixe das rúas San Clemente, Trinidade e Carretas. O presuposto de licitación desta obra é de 838.811,83 € e ten un prazo de execución de 5 meses.

Benestar Social
A proposta da concelleira delegada de Muller aprobáronse as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades en prol da igualdade e do movemento asociativo de mulleres para 2014. Estas axudas, dun importe global de 17.000 euros, teñen a finalidade de contribuir ao finanzamento de actividades do movemento asociativo de mulleres de Compostela fomentando actividades que favorezan o desenvolvemento integral da muller, promovan a súa participación activa en todos os eidos e contribúan a facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes.

Así mesmo, apróbase a participación do Concello de Santiago como xefe de fila no proxecto europeo TRAIN4LIFE cofinanciado polo Programa Europeo Erasmus +. Este proxecto europeo ten como fin desenvolver un programa de formación para mellorar a cualificación do sector dos drogodependentes e facilitar a súa reintegración na sociedade e no mercado laboral. A participación de drogodependentes de varios países posibilitará contrastar as necesidades comúns e particulares de cada sitio e identificar un abanico de temas de interese. Os membros do proxecto son a UMAD do Concello de Santiago, a ONG Merseyside Expanding Horizons do Reino Unido e a ONG Institute for Training of Personnel in Internacional Organizations de Bulgaria. O presuposto total do proxecto é de 102.342 € dos que o Concello aportará 5.917 €.

Da Concellería de Educación, a Xunta de Goberno da o visto bo ao convenio de colaboración entre o Concello e a USC para a realización de prácticas de alumnado do Master en procesos de formación da Facultade de Ciencias da educación. Esta colaboración representa para os obxectivos formativos desa Facultade un complemento importante para a formación do alumnado respecto do coñecemento da realidade empresarial no ámbito das ensinanzas teóricas impartidas ao alumnado, para a mellor cualificación e a futura adaptación aos postos de traballo demandados polas empresas. Así mesmo, este acordo representa unha nova posibilidade de cooperación educativa entre ambas institucións.

Outros asuntos
Á vista do informe da Técnica da Oficina de Promoción Económica e a proposta da Concelleira de Economía prolongase o prazo de inscrición para participar no sorteo dos premios concedidos ao Concello pola entidade Eganet á páxina web municipal do Castelo da Rocha consistente nun bono para programa na Escola de Negocios de Novagalicia Banco e un curso on line de Businees Strategy. Estará aberto ata o 23 de maio en vez de ata o 21 de abril e os sorteos serán o 27 de maio ás 12 horas.

A XGL aprobou tamén, a proposta do concelleiro de Festas, o inicio do expediente para contratar a Festa dos maiores que se celebrará o 31 de maio e que terá un orzamento de licitación de 33.996,60 € IVE engadido.

Por último, deuse conta por parte do concelleiro de Deportes da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación Deportiva Squash Club Santiago para o desenvolvemento do Campionato de España Absoluto de Squash. Concello de Santiago aportou 12.000 €.

Compartir: