DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O novo contrato de mantemento das zonas verdes permitirá renovar as 93 rotondas da cidade

29/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, deu conta en rolda de prensa doutra das melloras que executará a empresa concesionaria do contrato de mantemento das zonas verdes da cidade, Cespa. Neste caso será a renovación das rotondas da cidade cun investimento de 502.721 euros.

Santiago de Compostela conta actualmente con 93 rotondas e unha mediana. O obxecto deste plan é o de concretar un conxunto de accións co obxectivo de mellorar a calidade estética, ambiental e de uso de sistemas de espazos verdes que conforman as rotondas do Concello e que se desenvolve nun contexto de sostibilidade, viabilidade e optimización de recursos.

Como indicou a concelleira, "os obxectivos móvense en dous niveis: estético/estilístico, que reforce a personalidade da cidade nas súas diferentes perspectivas: cultural, paisaxístico e socioeconómico; e ambiental, que optimice os recursos que supoñen o seu manteniemiento".
Actualmente estas 93 rotondas e unha mediana supoñen un total de 101.319 m2 que se reparten entre céspedes (62.704 m2 ), pradarías, (7.206 m2 ), plantacións de arbustos e perennes (28.196 m2 ) e plantacións anuais de flor (3.214 m2 ).

O que se detectou é que nas rotondas da cidade existe unha evidente monotonía na súa decoración, e o que se pretende con esta mellora é que estes espazos se convirtan en lugares con vocación diferenciada e susceptibles de acoller unha decoración máis colorista e botánica.

Para desenvolver isto formularanse diferentes ámbitos de actuación tales como:
. Camiño de Santiago: comprende os espazos viarios asociados ao Camiño e nos que se intentará reflectir o "o ceo no chan" proxectando as texturas e cores da Vía Láctea.
. San Caetano: os espazos paisaxísticos asociados á presenza dos diferentes edificios institucionais.
. Fontiñas: comprende os espazos asociados a ese núcleo paisaxístico coas zonas de servizos presentes no devandito ámbito, pavillón, colexios...
. Periurbanas: comprenden os espazos integrados na trama de accesos á Cidade cuxo escenario paisaxístico o compoñen en maior ou menor medida a paisaxe rural ou de vexetación do seu ámbito.
. Industriais: serían as integradas no Polígono de tambre, as cales se tratarán de xeito diferenciado respecto do seu deseño e mantemento.
. Comerciais: comprenden as situadas en Costa Vella e estarán determinadas pola súa vocación en canto ao continuo fluxo de usuarios ás devanditas areas comerciais.

Esta mellora, que supón a transformación visual destes espazos que son xa tan comúns nas cidades, realizaranse ao longo dun período de dous anos e terá un custo de 502.721 euros.

Compartir: