EMPREGO

Clausurado o Foro de Intermediación e Emprego coa participación de máis de 3000 persoas

25/04/2014 Durante dous días o FIE acolleu 51 actividades relacionadas coa busca de emprego e o mercado laboral. Á clausura asistiu o alcalde, Ángel Currás, e a concelleira de Emprego, Reyes Leis.

Máis de 3000 persoas participaron nas dúas xornadas do Foro da Intermediación e o Emprego, unha iniciativa da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago, organizada a través da Axencia Local de Colocación, que se clausurou hoxe tras celebrar máis de 50 actividades, entre cursos de formación acreditada, relatorios, mesas redondas e charlas-coloquio, e 108 sesións de encontros con empresas. Tramitáronse 88 ofertas con 200 postos de traballo.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Economía e Emprego Reyes Leis, asistiron este mediodía ao acto de clausura do FIE, un Foro no que tamén se deron a coñecer as actividades que desenvolve de xeito permanente a Axencia Local de Colocación, así como as das entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego. O rexedor destacou o éxito de público o que "confirma que é necesario facilitar este tipo de accións, sobre todo en momentos de crise" e en especial desde as administracións públicas.

Un dos obxectivos principais deste Foro era o de situar aos participantes nas mellores condicións para afrontar a súa busca de emprego. Por este motivo, as diversas actividades programadas nestas dúas xornadas centráronse especialmente en aspectos como a importancia das novas tecnoloxías e as redes sociais na procura de traballo, a dixitalización do currículo ou as ferramentas máis eficaces para superar con éxito un proceso de selección.

Outro dos grandes obxectivos, o da mellora das competencias e cualificacións dos asistentes, cumpriuse grazas á oferta de 45 cursos con certificación acreditativa que se levou a cabo no Pazo de Congresos durante o FIE. Un total de 6 relatorios compuxeron ademáis o programa das Xornadas Técnicas 2.0, nas que interviñeron bloggers e recoñecidos expertos en mercado laboral online. Arredor de 1200 persoas participaron en todos eles.

O Centro de Recursos para o Emprego, un espazo habilitado para a simulación e preparación dun proceso íntegro de selección co obxetivo de afrontar con maiores posibilidades de éxito futuras entrevistas de traballo, foi unha das grandes novidades da edición deste ano. 60 persoas participaron nesta actividade, que incluía sesión de maquillaxe, fotografía, charla cun asesor de imaxe personal, realización de vídeocurrículo e currículo europeo, proba psicotécnica, dinámicas grupais, entrevista persoal con valoración final individual.

Entre as máis de 50 empresas que tomaron parte nesta edición do FIE, 20 delas ofreceron ao longo do xoves e o venres un total de 108 sesións de encontros cos interesados en coñecer as súas actividades e políticas de selección de persoal. Máis de 1600 persoas tiveron a oportunidade de charlar cos responsables destas empresas e coñecer os perfís que demandan.

O Foro de Intermediación e Emprego foi tamén o escenario no que desenvolveron os procesos de selección para 88 ofertas de traballo, con 200 postos xestionados durante as dúas xornadas.

Por último, a Zona Multimedia habilitada no hall principal do Pazo de Congresos propiciou o envío de 6000 currículos dixitais ás empresas participantes no FIE. Os 20 terminais facilitaron tamén a activación de novos usuarios na Axencia Local de Colocación, unha entidade dependente da Concellaría de Emprego de Santiago que actualmente presta servizos de intermediación laboral, orientación, asesoramento e formación a preto de 23.000 persoas.

Compartir: