CULTURA

O Festiclown organiza unha gala de solidariedade con Palestina

01/08/2006 O Teatro Principal acolle unha Gala de Solidariedade con Palestina o mércores 2 ás 22:00 horas. A recadación deste evento estará destinada a proxectos de carácter terapéutico nos territorios ocupados.

A Gala estará presentada por Paula Carballeira e contará coas actuacións solidarias, entre outros, de Leo Bassi, Jesús Jara, Pablo Trasno, Mofa e Befa e os '7 magníficos máis 1. Este evento compleméntase coa proxección, ás 20:30 horas, na Aula Social de Caixa Galicia, do documental de Mikio Tsunekawa "Lúa Vermella. Diario de guerra dun pallaso". O filme narra experiencia dun grupo de "Pallasos sen Fronteiras", que viaxou aos territorios ocupados de Palestina (Cisjordania e Gaza) co fin de facer rir aos nenos que viven esta situación bélica.

Despois da gala solidaria, tamén no Principal, continúa o Certame Intergaláctico Interior, ás 23:30 horas, da man de Emmy van Loon e Frian Mongard, que traen o espectáculo "Freak Cabaret". Clown, música, maxia e poesía visual son os ingredientes desta representación. A muller barbuda, o home coello, a muller cosida, Lars e Marilyn, son os guías deste cabaré.

Ao longo do día sucederanse outras actividades, como as do Certame Exterior. Nesta ocasión, ás 19:00 horas, chega ao Toural a compañía arxentina Sudaka Circus. "De puro pallaso"´é o título desta animación para toda a familia e feita en especial para espazos non convencionais. Na montaxe intégranse cordas elásticas e indianas, trapecios e instrumentos de percusión. É un percorrido máxico polo circo de pallasos de sempre, cheo de equívocos, interrupcións e gargalladas combinadas coas máis rechamantes acrobacias.

Tamén de Arxentina chega Miss Vero, que trae a montaxe "Como estar en forma". A partir das 20:30, esta artista dará vida a unha adestradora que mostra o lado positivo de facer deporte con moito sentido do humor e empregando técnicas da globoflexia, da acrobacia e dos equilibrios.

Ao mesmo tempo, continúa desenvolvéndose o Maraclown nas rúas compostelás, convertidas para a ocasión en improvisados escenarios para as dezasete compañías escollidas nesta edición. Tamén continúa o Desclowntrol nas rúas, grazas ao cal Bandaclown e Animación Zancuda animan aos paseantes percorrendo a cidade.

No capítulo formativo, están abertos varios frentes. O Formaclown trae un Curso de introdución á Commedia dell’Arte a cargo de Carlo Boso, un dos máis prestixiosos directores de teatro europeos. Neste obradoiro trabállase a improvisación teatral, xogo de máscara, arquetipos da Commedia dell´Arte, adestramento físico e vocal e, por último, a representación fronte ao público.

Sergio Claramunt encárgase do Curso de iniciación ao pallaso de hospital, que consiste nas intervencións no servizo de pediatría e na coordinación co equipo sanitario. Empréganse aptitudes e recursos básicos do pallaso de hospital tales como improvisación, música, monicreques, mimo, maxia, malabares e ritmo.

Outro dos cursos céntrase na acrobacia cómica para acróbatas estrelados e impárteo Pablo Trasno, que achega aos alumnos ao mundo das acrobacias circenses, especiais para pallasos. Entre os cursos que se desenvolven pola mañá no Auditorio de Galicia tamén está o titulado "Na busca da nosa identidade cómica", a cargo de Leo Bassi. O cómico desenvolve un sistema que mestura a teoría con orixinais xogos psicolóxicos, que animan aos participantes a descubrir máis deles mesmos. Un dos aspectos máis importantes destas sesións é que todos os participantes son continuamente estimulados a tomar alternativamente un papel activo e, á vez, observador e crítico.

Xa pola tarde, o Auditorio acolle o Curso de clown para profesionais, impartido por Jango Edwards e Peter Escolano. A través de diversos xogos, actividades físicas, demostracións, improvisacións e postas en escena, cada quen deberá descubrir a súa particularidade cómica, con doses de inocencia e de lóxica, ingredientes fundamentais da fórmula clown.

Nun nivel máis iniciático sitúase o curso que imparte o pedagogo teatral, pallaso, actor e director Jesús Jara. O capítulo formativo complétase cun curso de improvisación da man de Pablo Pudnik. O seu obxectivo é facer teatro, unha ficción artística, co atractivo de que o público percibe que todo está sendo creado diante dos seus ollos nese instante.

Direccións relacionadas



Compartir: