FESTAS

As Festas do Apóstolo péchanse cunha alta participación de todo tipo de público

01/08/2006 Tras dezaoito intensos días de actividades pecháronse as Festas do Apóstolo. Con este motivo, o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, fai balance destes días nos que reinou "o civismo de toda a xente que sabe divertirse sen necesidade de causar destrozos e danos, e a gran participación en todas as actividades programadas".

O programa deste ano cumpriu co seu principal obxectivo: facer unhas festas de portas abertas nas que participase xente de todas as idades, familias enteiras e os visitantes. Segundo sinala Baqueiro "a gran variedade do programa axudou á alta participación nos concertos, nas Xornadas de Foclore, nas actividades das rúas e, por suposto, no espectáculo dos fogos na noite do 24 de xullo".

Ademais, o concelleiro agradece a coordinación e esforzo dos corpos de seguridade do Estado, a Policía Local, Cruz Roja, Protección Civil e aos servizos xerais do Concello por axudar "a que estas festas trascorrerán sen ningún tipo de contratempo". Finalmente, Baqueiro destaca a "alta participación dos composteláns nas súas festas, aínda que tamén houbo moitos visitantes que se achegaron a Santiago para gozar destes días".

O broche de ouro do Apóstolo tivo lugar cos fogos de fin de festa que se celebraron na escalinata do campus. Preto de 25.000 persoas observaron os fogos nese lugar, ademais dos que puideron aprecialos dende diferentes puntos da cidade. Tralos fogos, a homenaxe aos Beatles na Quintana co espectáculo "Show Beat". Un fin de festa á medida do desenvolvemento das mesmas: gran comportamento de todos os asistentes e gran participación, sobre todos dos santiagueses, nestas festas do 2006.

Compartir: