NORMAILIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Ceas solidarias e dinamización lingüística da man dos comerciantes da zona vella

14/04/2014 A Irmandade de Estudantes de Santiago de Compostela, coa colaboración da Concellería de Normalización Lingüística, presenta o programa "Vive a Paixón con compaixón", unha actuación de dinamización lingüística solidaria que, xunto co uso do galego nas manifestacións da paixón, busca doar ceas para a cociña económica de Santiago de Compostela durante a Semana Santa e a Pascua 2014. A concelleira Rebeca Domínguez presentou o programa en rolda de prensa.

En 2013 a Irmandade de Estudantes, que se encontraba por aquel entón na comisión reitora da Xunta de Confrarías local, promoveu o uso xeneralizado do galego en todas as comunicacións asociadas á Semana Santa. Propiciouse así que toda a Paixón, isto é, programas, carteis, páxinas webs e redes sociais, se editase en galego.

Á par, púxose en marcha un programa solidario e un concurso de dinamización lingüística. O primeiro conseguiu apadriñar máis de 600 ceas na cociña económica. O segundo, obter unhas 200 pezas culturais (relatos, debuxos e vídeos) sobre a Semana Santa de Santiago con sinopse en galego.

Este ano, dado o éxito de 2013, repítense actuacións.
Así, o programa "Vive a Paixón con compaixón 2014" proponnos de novo, da man da lingua galega, somerxernos nas celebracións da Semana Santa de xeito interactivo. ¿Cómo? En primeiro lugar reeditando dous concursos. O primeiro, chamado "Paixón Curta", anima a capturar vídeos da Semana Santa Compostelá e a colgalos e difundilos polas redes sociais con post escritos en galego.

O segundo, chamado "Imaxes de Paixón", invita a capturar fotos da Semana Santa Compostelá e a colgalas e difundilas polas redes sociais tamén con post escritos en galego. Dous primeiros premios de 100 € recoñecerán aos mellores materiais, aos máis movidos nas redes e aos que, ao tempo, máis valoricen a lingua galega e as celebracións nos seus post.

En segundo lugar, promovendo tres tipos de promocións en establecementos comerciais da "Carreira Oficial da Irmandade dos Estudantes", isto é, nalgúns dos comercios situados nas marxes do percorrido da Procesión dos Estudantes. En locais de hostalaría, un "pousavasos solidario" invitará a pagar 1 € por cada consumición para apadriñar unha cea na cociña económica. No pousavasos, ademais, invítase a cada usuario a escribir un comentario cariñoso en galego para os comensais da cociña económica, buscando converter a nosa lingua nun referente de apaixonamento solidario.

En librarías, un "marca páxinas solidario" animará a mercar e a doar un libro en galego para a libraría da cociña económica. Non debemos esquecer que, ademáis do alimento real, o alimento intelectual é imprescindible para axudar a aqueles que se atopan nunha situación de marxinalidade.

A maiores, a perfumaría a Raíña de Saba permítenos converter calquera das súas fragrancias nun perfume solidario para celebrar, o próximo domingo, o día dos padriños e as madriñas regalándolle a nosa "esencia solidaria". ¿Cómo? Pagando 1 € máis por calquera dos seus perfumes e mercando así unha etiqueta solidaria da campaña coa que se apadriñará unha cea na cociña económica.

O logotipo desta campaña é o "caparucho multicolor". Un caparucho que simboliza que, ao falar de solidariedade, anonimamente, debemos sumarnos todos; de todas as cores, de todas as ideas, de todas as querencias e de todas as crenzas. Quen se sume á causa dos demais, dos que nos necesitan, será quen realmente viva a paixón con paixón. Porque a compaixón, lle chamemos solidariedade, caridade ou simplemente ben común, é o único que nos irmanda e nos optimíza socialmente.

Este logotipo colocarase nun lugar emblemático: a sombreiraría da Rúa do Vilar (zoa Selfie). Quen se fotografa con el no seu escaparate, o suba ás súas redes cun post en galego valorizando a Semana Santa e o comparta na nosa páxina de facebook, "vive a paixón con compaixón", estará a doar unha cea na cociña económica.

Ata hoxe, máis de dez establecementos comerciais colaboran profesional e economicamente coa campaña, doando ceas solidarias para a Cociña. Son o bar Casino en Rúa do Vilar e De Copas en Orfas; as librarías Encontros, San Pablo e Couceiro; as xoiarías Paz en Orfas, Alfonso na Rúa Nova e Carmen María Otero en Pratarías; a Sombreiraría da Rúa do Vilar; pecados de Compostela e a perfumaría low cost La Reina de Saba na Algalia.

Compartir: