FESTAS

Belle & Sebastian actúan en Compostela o 28 de xullo no programa das Festas do Apóstolo

11/04/2014 O concerto dos escoceses na Praza da Quintana convértese na cita musical do verán, con entradas a un prezo anticipado de 20 euros. O directo, promovido polo Concello de Santiago e I-Radia Crea, é o primeiro que a recoñecida banda ofrece en Galicia. Este concerto é o único confirmado pola banda en España en 2014

O programa das Festas do Apóstolo 2014 do Concello de Santiago anuncia como nome internacional aos escoceses Belle & Sebastian, que actuarán na Praza da Quintana o 28 de xullo. A apertura de portas será ás 20:30 horas e ás 21:00 comezará o artista convidado, aínda por confirmar. Xa ás 22:00 horas dará inicio o directo dos de Glasgow, considerados como unha das mellores bandas do panorama independente das dúas últimas décadas.

As entradas para o concerto xa están dispoñibles. As 100 primeiras tendrán un custo de 18 euros, e despois o prezo por anticipado será de 20 euros no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas), na Reixa Tenda, no Kunsthalle Compostela e na web entradas.novagaliciabanco.com. Tamén se poden adquirir o día do directo, por un prezo de 24 euros.

A achega máxima do Concello será de 50.000 euros máis IVE, se ben en función do número de entradas que se vendan esta cantidade irá diminuíndo de xeito proporcional ata un mínimo de 23.380 euros máis IVE no caso de vender 3.500 entradas. A partir das primeiras 1.500 o custo para o Concello xa irá baixando.

Belle & Sebastian, primeira vez en Galicia
Por primeira vez en Galicia e con esta como a única data prevista en España, Belle & Sebastian é un dos grupos punteiros do pop británico e dos que mellores críticas recibiu nos últimos 20 anos. Neste mesmo 2014 a revista de referencia New Musical Express vén de premialos pola súa excepcional contribución ao mundo da música.

Despois de 8 álbums editados, sempre nos listados dos favoritos da prensa especializada, o seu pop luminoso segue a ter unha influencia capital na música popular contemporánea ao ser os creadores dun xénero propio no que as melodías cristalinas e as harmonías vocais dan forma a un cancioneiro enchido de cancións atemporais.

Protagonistas habituais dos máis importantes festivais internacionais coma Glastonbury, Reading, Austin SXSW ou Pitchfork Fest, en Nova Yorke, a formación conta cun gran predicamento en España, con presenza recente en festivais de primeira liña coma o Primavera Sound, Benicássim ou o Jazzaldia de San Sebastián.

A banda chega a Compostela da man do Concello de Santiago e da promotora I-Radia Crea, na que será a súa primeira actuación en Galicia, dentro do programa das Festas do Apóstolo, e que asemella un concerto idóneo para unha noite de verán, nun momento alto da súa traxectoria. Á recente publicación dun traballo recompilatorio que celebra os seus xa 20 anos de carreira, mentres se agarda un novo traballo que será editado neste 2014, únese o éxito obtido polo seu líder, Stuart Murdoch, no festival de cine de Sundance co seu debut coma director da película God Help The Girl .

Compartir: