EMPREGO

Aberto o prazo de inscrición para participar no Foro de Intermediación e Emprego 2014

10/04/2014 Entre as novidades desta edición haberá actividades de simulación para a mellorar as posibilidades nos procesos selectivos. A inscrición na web da Axencia Local de Colocación é requisito imprescindible para participar nas actividades e nos encontros con empresas.

Hoxe abriuse o prazo de inscrición para participar no Foro de Intermediación e Emprego FIE 2014, unha iniciativa da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela que se desenvolverá no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia os días 24 e 25 de abril e que ten entre os seus obxectivos informar á cidadanía sobre as características do mercado laboral, os recursos e as ferramentas para a busca de emprego.

O programa de actividades do FIE 2014 inclúe relatorios, mesas redondas, charlas-coloquio e cursos formativos nos que se abordarán temáticas como a iniciación en redes sociais para a busca de emprego ou as vías de acceso aos certificados de profesionalidade e o recoñecemento da experiencia profesional, entre outros. Tamén se procurará favorecer a melloras das cualificacións profesionais mediante diversas actividades formativas de visual merchandising, manipulación de alimentos, Google apps for Business ou monitor/a de comedor escolar (que xa se está desenvolvendo na súa modalidade online). O FIE 2014 contará tamén cun espazo para o envío de currículos dixitalizados, accedendo aos terminais web de varias empresas, así como actividades de simulación para a mellorar as posibilidades nos procesos selectivos, unha das grandes novidades desta edición.

O Foro de Intermediación e Emprego tamén pretende ser un espazo de encontro entre empresas e demandantes de emprego. Neste sentido desenvolveranse presentacións concertadas, nas que se incidirá especialmente nos requisitos, competencias e perfís máis demandados polas empresas presentes. Firmas tan importantes como Citröen-Peugeot, IKEA, Carrefour, Vegalsa, R Cable e Telecomunicacións, Leroy Merlin, Decathlon, EQA, C&A, Everis, Bricoking, Recursos Galicia, Idae Consultores, Hotel Monumento San Francisco, Santitel, Securitas Direct ou Servimed confirmaron xa a súa participación no FIE 2014. Os asistentes contarán ademais cunha zona de stands informativos, asesoramento e orientación laboral, con presenza destacada dos servizos da Axencia Local de Colocación e das Entidades asinantes do Pacto polo Emprego.

O acceso ao Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia é libre, pero todas as actividades de formación, charlas, relatorios e presentacións de empresa requiren inscrición previa gratuíta a través da web da Axencia Local de Colocación, www.axencialocaldecolocacion.org. Nesta mesma web pode consultarse o programa formativo, que será completado nas vindeiras xornadas.

A Axencia Local de Colocación é un servizo dependente da Concellería de Economía, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, que ten a misión de apoiar a dinamización do mercado de traballo local a través da promoción de oportunidades e capacidades para a inserción de desempregados e a intermediación laboral. Ao longo de todo o ano desenvolve programas de apoio ao emprego e presta servizos de colocación, orientación laboral, axuda a busca de emprego, recrutamento, selección e formación para o emprego.

Compartir: