FESTAS

Máis de 1.000 entradas vendidas para o concerto de Andrés Calamaro nas Festas da Ascensión 2014

04/04/2014 O ritmo de venda de localidades para o concerto do artista arxentino é moi alto: xa van vendidas máis dun milleiro de entradas para o directo que Andrés Calamaro ofrecerá o 28 de maio na Praza da Quintana. O grupo compostelán Los Árboles son os encargados de abrir a actuación.

É unha das citas musicais máis importantes en Compostela neste ano 2014 e así se reflicte na venda de entradas. Son máis de 1.000 entradas as que xa se despacharon para o concerto de Andrés Calamaro nas Festas da Ascensión de Santiago de Compostela, a falta de case dous meses para o evento, segundo informa a organización.

O directo será o mércores 28 de maio, na praza da Quintana, ás 10 da noite, e irá precedido pola actuación da banda local Los Árboles.

As entradas para o concerto principal da programación das Festas da Ascensión pódense adquirir por un prezo anticipado de 18 euros nos seguintes puntos: o despacho de billetes do Teatro Principal (martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas), a Reixa Tenda, o Kunsthalle, ticketea.com, entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443. O propio día do concerto custarán 22 euros.

A xira do artista arxentino Andrés Calamaro está levantando unha grande expectación, e nela está a presentar o seu último traballo "Bohemio". As primeiras paradas do tour que comezaba en América Latina obtiveron boas críticas, cun directo no que o artista acompaña as súas novas composicións cos seus clásicos máis coñecidos.

Calamaro está considerado un dos creadores esenciais da música popular en español. Comezou a forxarse ese título como parte de Los Rodríguez e consolidouno coa súa espectacular carreira en solitario. Mostra disto son traballos tan memorables como "Honestidad Brutal" que, precisamente, deixa moita pegada neste último "Bohemio".
Gravado en Bos Aires e producido por Cachorro López, contén dez temas redondos, que respiran ritmos de rock e deixan por un tempo o tango e o bolero.

Los Árboles
O quinteto compostelán Los Árboles serán os encargados de abrir o concerto de Andrés Calamaro o 28 de maio. Coa elección desde grupo pop de calidade para inaugurar as Festas da Ascensión 2014, o Concello de Santiago incide na súa forte aposta polas formacións locais.

Los Árboles presentarán os temas do seu último traballo "Los Días Que Quedan Son Nuestros", así coma outras cancións asinadas por esta banda que co seu corte clásico escapa das etiquetas e das estridencias. Emparentados con referentes do pop español como Golpes Bajos ou Nacha Pop, pasando por Xoel López ou El Niño Gusano, abrirán os festexos da cidade cun directo que caldeará o ambiente.

Compartir: