EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

As xornadas "Mira cos mesmos ollos" tratarán o tema da inmigración

05/04/2005 As Xornadas de Inmigración "Mira Cos Mesmos Ollos ", organizadas polo Departamento de Emigración e Inmigración do Concello, xunto coa Fundación Caixa Galicia e o Foro da Inmigración, celebraranse na Aula de Cultura de Caixa Galicia, (Rúa Carreira do Conde), os días 6, 7 e 8 de abril de 19.30 a 22 horas.

As políticas de inmigración, a perspectiva estatal e galega desta realidade e como é tratado este tema nos medios de comunicación son os principais temas arredor dos cales xirarán estas xornadas, segundo presentaron en rolda de prensa a concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, e Miguel Fernández, do Foro da Inmigración. Ademais, estas xornadas, baixo o nome de "Mira cos mesmos ollos", contarán coa presenza de sete persoas de diferentes lugares do mundo para contar a súa experiencia directa.

"Como foro", revelou Miguel Fernández, do Foro da Inmigración, "aproveitaremos para facer algunhas reivindicacións" como por exemplo a ampliación do prazo de regularización, que remata o vindeiro 7 de maio de 2005 ou a apertura dunha vía máis flexíbel para a regularización, ademais das que a propia lei establece.

A Concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, quixo facer unha reflexión arredor do proceso de regularización de inmigrantes que rematará o próximo 7 de maio. Teresa Regúlez opinou que "Galicia é das comunidades que peor o levan", posto que de momento non pasan dun 8,3 por cento os inmigrantes regularizados, isto é, unhas 2.108 persoas dun total de 25.402 irregulares, "cando noutras comunidades como por exemplo o País Vasco", sinalou, "cun número similar de estranxeiros, leva xa o 17,2% regularizados".

A concelleira de Emigración e Inmigración fixo fincapé en que "o dereito ao traballo é o mesmo para un inmigrante que para un español, polo que ten que buscar a vía para denuncialo" e insistiu en que desde as institucións se teñen que mandar mensaxes "para facer perder o medo".

Programa
O vindeiro mércores 6 de abril, ás 19.30 terá lugar o acto de inauguración destas xornadas, a cargo do Alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo. No acto tamén intervirá a subdelegada do Goberno da Coruña, Obdulia Taboadela Álvarez. De seguido, e ata as 22 horas, terá lugar unha mesa redonda a cargo de Francisco Javier Álvarez Barbeito, director xeral de Inmigración da Xunta de Galicia, e representantes do PSOE, do BNG e de IU. Moderará o debate Teresa Regúlez Blázquez, concelleira de Emigración e Inmigración do Concello de Santiago de Compostela.

O xoves 7, entre as 19.30 e as 22 horas, será o turno da mesa redonda que levará por título "A inmigración nos medios de comunicación", precedida do relatorio de Nicolás Lorite, profesor e responsábel do Migracom, observatorio e grupo de investigación sobre migración e comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona. A mesa redonda contará coa presenza dos xefes de información local de La Voz de Galicia, El Correo Gallego, TVG e Cadena Ser. O moderador será Nicolás Larite.

O último día das xornadas, venres 8, entre as 19.30 e as 22, haberá unha mesa redonda arredor do "Regulamento de Extranxeria. Voces da inmigración", na que estará Amelia Lobato Martínez, Subdirectora xeral de Xestión e Coordinación de Fluxos Migratorios do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e persoas procedentes de Uruguay, Colombia, Senegal, Marrocos, Romanía, China, e Galicia, falarán das súas experiencias directas.

Compartir: