TURISMO

Dezasete restaurantes participan na Festa Gastronómica da Uña

02/04/2014 A Festa Gastronómica da Uña celébrase no barrio de San Lázaro entre o cinco e o sete de abril. Toda a información sobre os establecementos participantes está dispoñible na web de Turismo de Santiago www.semanasantasantiago.com.

Coincidindo co Quinto Domingo de Coresma, tamén chamado 'Domingo de Lázaro' ou 'Domingo de Paixón', o barrio de San Lázaro celebra entre o cinco e sete de abril a Festa da Uña, unha das festas relixiosas e gastronómicas máis tradicionais de Santiago.

Nesta celebración popular a imaxe de San Lázaro procesiona dende a capela ata o campo da festa, onde se celebra unha misa cantada ao aire libre, antes de que a imaxe do santo volva á igrexa. A festa inclúe cada ano diversos oficios relixiosos en honor a San Lázaro e a tradicional romaría na que se celebra a gran poxa de pezuños e outras pezas de porco ofrecidas ao santo.

Centenares de veciños reúnense cada ano durante eses días nos restaurantes de todo o barrio, situado no Camiño Francés, para degustar o tradicional plato da Festa da Uña, que se sirve con chourizo, patacas e bertóns de col, e gozar dunha das celebracións máis antigas da cidade.

Neste ano haberá 17 restaurantes participantes, que ofertarán o menú da Festa da Uña entre o cinco e sete de abril. Os restaurantes participantes son: A Casa da Viña, A Grella, A Taberna da Feira, Berenguela, Casa Carollo, Labrador, La Bodeguilla de San Lázaro, La Finca, Mesón As Fontiñas, Mesón de Lázaro, O Tangueiro, Pedra Santa, San Lázaro, Roi Xordo, Susos, O Muiñeiro e Doña Ana.

Toda a información sobre os establecementos participantes na Festa Gastronómica da Uña pode consultarse na web específica de Turismo de Santiago para a promoción turística da cidade durante a Semana Santa: www.semanasantasantiago.com.

Compartir: