SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía local controlou 2.250 vehículos no marco da campaña de vixilancia do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil

01/04/2014 O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Luis Bello, detallou os resultados da última Campaña de vixilancia e control de cintos e sistemas de retención infantil, realizada entre o 10 e o 16 de marzo, no marco dos controis promovidos pola Dirección Xeral de Tráfico. Os datos constatan un lixeiro aumento do número de infraccións no uso do cinto, resultando especialmente significativa a inexistencia de infraccións por ausencia de sistemas de retención infantil nos controis efectuados.

A campaña permitiu controlar 2250 vehículos, dos que 2204 eran turismo, 15 taxis 6 autobuses e 25 vehículos de mercancías. De todos eles, 2223 condutores empregaban o cinto e 27 non o facían, o que supón un 1,20% con respecto ao total. Obsérvase un pequeno repunte con resepcto á campaña realizada en 2013, na que a porcentaxe de condutores sancionados fora do 0,97%.

Estes controis posibilitaron igualmente inspeccionar o uso do cinto entre 713 ocupantes. Neste caso foron 7 os sancionados, un 0,98% do total, fronte ao 0,42% de ocupantes que non levaban cinto na campaña de 2013.

Significativa e positiva foi a cifra no relativo ao emprego dos sistemas de retención infantil, xa que dos 93 vehículos controlados todos levaban os dispositivos axeitados.

Luis Bello lembrou que a sanción por non empregar adecuadamente ou por non facer uso de ambos sistemas de seguridade é de 200 euros máis a retirada de tres puntos do permiso de conducir e achacou a un exceso de confianza o aumento das cifras de sancionados. Así mesmo, o concelleiro quixo salientar que, segundo datos da DXT, as vías urbanas son nas que menos se emprega o cinto e fixo un chamamento á responsabilidade dos condutores.

Campaña de control de velocidade
O edil de Mobilidade aproveitou a rolda de prensa para lembrar que durante esta semana a Policía Local está a realizar controis de velocidade nas vías urbanas de Santiago en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, que se ocupa da zona rural.

Compartir: