RELACIÓNS VECIÑAIS

Relacións Veciñais programa un novo paquete de excursións para as asociacións do rural

28/03/2014 A Concellaría de Relacións Veciñais, dirixida polo concelleiro Francisco Noya, promove por terceiro ano consecutivo o programa "Imos coa asociación", que ten como finalidade poñer a disposición das asociacións de veciños do ámbito rural de Santiago unha oferta específica de excursións organizadas que permitan o encontro e a convivencia entre a veciñanza das parroquias

O programa persegue un dobre obxectivo: dar a coñecer a riqueza patrimonial propia de diversos contornos tanto da area próxima como da comunidade e dar resposta desde a Concellaría de Relacións Veciñais ás demandas detectadas entre as asociacións de ámbito rural e algunhas da periferia de Santiago que solicitan un programa específico de excursións.

Destinatarios do programa:
Asociacións de veciños do ámbito rural do Concello de Santiago, inscritas no censo municipal de asociacións. Excepcionalmente asociacións de veciños dos barrios pertencentes á periferia de Santiago de Compostela, inscritas no censo municipal de asociacións, sempre que o orzamento o permita.

DESTINOS
Relax na Costa da Morte(Ruta dos faros) (300 euros)
Visita aos Pazos da Ulla *(300 euros)
Galicia-Portugal (330 euros)
Rías de Noia-Muros e Arousa (300 euros)
Marabillas do Camiño Frances:de Melide a Santiago (300 euros)
San Andrés de Teixido e acantilados (330 euros)
Ribeira Sacra (330 euros)
Dia de praia : Illas Cies (270 euros)
Galicia autentica e ancestral* (300 euros)

Calendario
As excursións, poderán realizarse desde o mes de maio ata o mes de novembro de 2014, en calquera día da semana, a excepción das tres que aparecen marcadas cun asterísco, propostas polo grupo de Concellos para a promoción turística conxunta" Area de Santiago, moi cerca de Santiago" que unicamente se poderán desenvolver en sábado ou domingo.

Prezo
O prezo final que o participante paga nas excursións correspóndese co 60%. A porcentaxe do gasto financiado polo Concello é dun 40% do global da actividade. As asociacións deberán facer un pagamento conxunto pola totalidade das persoas que participan na excursión, a través do ingreso na conta bancaria que indique a organización. No prezo ofertado non se inclúen entradas a museos, viaxes en catamarán,comidas ou calquera actividade con custo adicional que correrá a cargo dos participantes.

Condicións e requisitos de participación
1. Poderán participar na convocatoria todas aquelas asociacións veciñais do ámbito rural, inscritas no rexistro municipal de asociacións.
Excepcionalmente poderán participar asociacións de veciños dos barrios pertencentes á periferia de Santiago de Compostela, inscritas no censo municipal de asociacións, sempre que o orzamento o permita.
2. As asociacións que o soliciten gozarán como mínimo dunha excursión, dúas en caso de que o orzamento o permita.
3. Establécese un mínimo de participación por parte de cada asociación de 35 persoas e un máximo de 55 para cada excursión.
4. Abrirase o prazo do 1 ao 15 de abril de 2014, para que as entidades veciñais interesadas entreguen a folla de inscrición debidamente cuberta no Rexistro auxiliar do Concello situado no CSXM O Ensanche, en horario de 9 a 14:00h.
5. Rematado este prazo, compoñerase o calendario de excursións solicitados polas AV, que terán resposta por escrito a través de correo electrónico, da correspondente asignación de participación, na primeira semana de maio de 2014.
6. Unha vez asignada a excursión, cada AV deberá achegar á Casa das asociacións, no horario indicado, a listaxe de participantes na que deben aparecer os seguintes datos: NOME, APELIDOS, DNI e DATA DE NACEMENTO, de todas as persoas participantes na excursión.
En caso dun menor sen DNI, aparecerá tamén na listaxe co nome e apelidos, pois irá cuberto polo seguro de responsabilidade civil. Ao entrar no autobús será obrigatorio identificarse co DNI e, non se admitirá a ninguén que non apareza no listado da excursión. As listaxes presentaranse de maneira que se entendan todos os datos e, as escritas a man virán cubertas con letra maiúscula e clara.
7. Prazo de entrega das listaxes. A data límite será o mércores da semana en que se leve a cabo a excursión. Non se admitirán listaxes despois deste día. Se non se entregan as listaxes a tempo, a excursión suspenderase.
8. Horarios: xeralmente, as saídas serán as marcadas pola organización e faranse as paradas necesarias para recoller aos participantes, sempre dentro da parroquia da asociación.
9. Xantar: a contratación do xantar nos restaurantes correrá por conta da asociación. Facilitaranse por parte da organización datos sobre algúns restaurantes que deberán ser contratados directamente polas asociacións, que acordarán co estabelecemento o tipo de menú, o prezo, etc. Con todo, as asociacións serán libres de escoller calquera outro restaurante, sempre e cando se sitúe na zona ou localidade determinada pola organización. O horario de comezo do xantar será entre as 14 e as 14:30.
10. Bus: manterase en todo momento un comportamento correcto, seguindo as indicacións da persoa encargada da monitoraxe. Non se poderá comer no bus nin estar de pé co vehículo en marcha.
11. Variacións nos itinerarios: serán debidas á imposibilidade de poder acceder esa xornada e nese horario a un lugar ou monumento determinado. En calquera caso, as modificacións serán comunicadas con tempo suficiente ás directivas das AA.VV. para que llelas fagan chegar aos asistentes. Excepcionalmente as AA.VV. poderán modificar de mutuo acordo coa empresa de transportes a data da excursión.
12. Na publicidade, comunicacións e referencias en revistas e outras publicacións, relativas ás excursións do programa farase constar que son promovidas polo Concello de Santiago e organizadas por Viaxes Deza.

Puntos a destacar do programa deste ano:
• O programa atende a demandas recollidas tanto a través do Consello de relacións veciñais como directamente de asociacións de veciños.
• As AA.VV. de ámbito rural gozarán dunha variada e escollida oferta de destinos que, por experiencia son os máis requeridos, exemplo Illas Cíes, Costa da Morte, San Andrés de Teixido, Ribeira Sacra, complementado este ano con tres destinos próximos con moi atractivo programa (Pazos da Ulla, Melide a Santiago-Camiño Francés-e Galicia Ancestral a proposta do grupo de Concellos para a promoción turística conxunta "Area de Santiago, Moi cerca de Santiago".
• A facilidade de desfrutar dunha proposta xa predeterminada axiliza o traballo de búsqueda e de organización deste tipo de actividades para as organizacións.
• O Concello continua a financiar o 40% do gasto de cada unha destas excursións nunha liña de apoio constante.
• Nestes dias as AA.VV. recibirán a información personalizadamente para poder cumprimentar- se estan interesadas- as solicitudes, de modo que se lles facilite tamén a pronta divulgación entre os seus socios, para animarse a participar da campaña deste ano.
• O pasado ano desenvolveronse dezaseis excursións, participando un total de 832 veciños das parroquias de A Gracia, Casa Agraria, Aríns, Laraño, Enfesta, Sta.Cristina de Fecha, Villestro, Bando, San Xoan de Fecha e Grixoa.

Instalación de carpas
Lémbrase ademais desde a Concellaría de Relacións Veciñais que un ano máis as AA.VV. que o soliciten poden dispor dunha axuda de ata 300€ (máis ive) para a instalación de carpas nas súas actividades. A solicitude permite facer uso tanto da carpa municipal (10x6mts) como doutra que poidan buscar as propias entidades. A montaxe da carpa do Concello ten un custo de 550 euros máis IVE, polo que as asociacións que a soliciten terán que aboar 250 euros máis ive, xa que a subención é de 300 euros. Tamén se subvenciona esta cantidade no caso de que soliciten outra carpa, tendo que aboar o resto a propia asociación. No ano 2013 recibíronse 12 solicitudes e atendéronse cun investemento de 4.365€.

Mais información en:
Casa das asociacións de Cornes
Rúa de Manuel Beiras nº3
Horario de atención: martes a sábado 10 a 14h e 17 a 20.30h

Descarga do folleto, folla de inscrición e itinerarios das excursións en
www.santiagodecompostela.gal

Compartir: