XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a convocatoria do programa de axuda á creación de novas empresas Santiago Investors Support

27/03/2014 Na súa sesión ordinaria, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria de axudas no marco do programa "Santiago Investors Support" para a creación de novas empresas cun orzamento global de 100.000 euros. Tamén se adxudicou o servizo de mantemento e reparación das instalacións de seguridade dos centros socioculturais de forma conxunta, o que suporá un aforro do 20% e formalizouse a cesión á USC de terreos para os centros CEBEGA e CIMUS

Segundo lle comunicou o alcalde ao reitor da USC, a Xunta de Goberno, aprobou a cesión gratuíta e por tempo indefinido do solo no SUP-5 (Choupana) para Campus das Ciencias da Saúde, tal e como se recollía no convenio firmado entre o Concello e a USC o 10 de marzo de 2005. Dito solo conta cunha superficie de 14.936 m2. Os edificios que se instalarán son o CEBEGA (Centro de Biomedicina Experimental) e o CIMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas).

Área de Economía e Turismo
A voceira María Pardo salientou a aprobación por parte da XGL da convocatoria de axudas para a creación de novas empresas "Santiago Investors Support 2014". A través deste Programa búscase fomentar a creación de novas empresas en Santiago de Compostela mediante unha liña de axudas para empresas creadas nos últimos dous anos. Esta iniciativa conta cun orzamento de 100.000 € que irán con cargo os orzamentos municipais de 2014. Paralelamente aprobouse a convocatoria de axudas para a realización de promoción económica dentro do mesmo programa. Estas accións consistirían en xornadas técnicas, seminarios, foros ou premios dirixidos á difusión de técnicas, metodoloxías, ferramentas ou boas prácticas nos terreos da innovación e a competitividade cun orzamento de 25.000 €. Tamén para a realización de encontros empresariais.

Dentro da mesma área, aprobouse a memoria e orzamento das actividades do Plan de Competitividade Turística 2014 para a súa remisión á Deputación Provincial. O orzamento deste Plan é de 143.750 €, dos que a Deputación achegará ata un máximo de 115.000 € sendo a aportación do Concello de 28.750 €. Tamén se aprobou pola XGL a encomenda das actividades deste Plan, que inclúe actividades como feiras de turismo, presentacións workshops, reforzo de información turística, eventos grastronómicos, etc, á empresa municipal INCOLSA.

Área de Participación Cidadá
A proposta do Concelleiro de CSC aprobouse adxudicar o servizo de mantemento e reparacións das instalacións de seguridade antirroubo, sistemas contraincendios e equipos de protección contraincendios instalados nos centros socioculturais do Concello á empresa SEGURIDADE A-1 ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas. Ao facerse de forma conxunta conseguiuse un aforro do 20%, como xa se conseguira co contrato da climatización, tal e como indicou a voceira de Xunta de Goberno Local, María Pardo.

Área de Servizos Sociais
A XGL deu luz verde á proposta da concelleira de Servizos Sociais consistente em solicitar unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar para o cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios, tales como o Programa de Axuda no Fogar e Axuda no Fogar para persoas dependentes. O orzamento total destes servizos é de 1.695.050,62 €. A solicitude da subvención será por un importe de 721.213 €, o que suporá unha achega municipal de 973.837,62 € para financiar os mesmo.

Área de Desenvolvemento Urbano Sostible
No apartado de obras procedeuse á aprobación do expediente, gasto e apertura do procedemento de adxudicación das obras de mellora e acondicionamento de firme na pista de Son de Abaixo (A Gracia) a Bargo (A Peregrina) incluídas no POS Adicional 1/2013 da Deputación da Coruña. Esta obra terá un orzamento de execución por contrata de 40.964,48 € e o prazo de execución é de 3 meses.

Outros asuntos
A XGL aprobou o expediente, gasto e apertura do procedemento de contratación do servizo de asistencia xurídica ao Concello de Santiago cos seguintes importe de licitación por ano: anualidade 2014: 68.361,58 €; anualidade 2015: 102.542,37 €; anualidade 2016: 34.180,79 €. Tamén se acordou dar continuidade aos trámites da contratación do servizo de limpeza, conserxería e control das instalacións dos CEIPS dependentes do Concello, á vista do Auto 81/2014 do Xulgado Contencioso administrativo nº 1 e avancar na formalización deste contrato coa empresa adxudicataria do mesmo a UTE FERROVIAL SA-FERROSER SERVICIOS AUXILIARES SA.

Noutra orde de cousas, á vista da solicitude do presidente da Asociación Hostelería Compostela, a XGL aprobou conceder unha ampliación dunha hora no horario límite do que dispoñen na actualidade sempre e cando os establecementos teñan correspondente licenza municipal e cumpran con toda a normativa de aplicación. Este ampliación é coincidindo coas seguintes datas de interese turístico e festivo para Santiago, Semana Santa, período do 11 de abril ata o día 20 de abril de 2014.

Por último, aceptouse a do concelleiro delegado de Deportes relativa á concesión gratuíta de estadio de San Lázaro (pistas de atletismo,vestiarios e bancadas) para a I edición da carreira solidaria IN REAL TIME - RUN WITH ETHIOPIA.

Documentos relacionados



Compartir: