URBANISMO

O Concello recupera a praza de Galicia como espazo de ocio cun parque infantil

27/03/2014 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo asistiron á apertura da nova área infantil na Praza de Galicia, que se recupera como espazo de disfrute para a cidadanía e non só como zona de paso. O parque pechará co horario da praza para preservar o seu bo uso.

Depois de varios meses de obras, a praza de Galicia conta cun novo espazo pensado para ser usado tanto por maiores como por pequenos. Unhas obras, que xunto ás de praza de Vigo, fan que Santiago conte, dende este mes de marzo, con dúas novas superficies infantís que intentarán darlle vida e uso a unhas prazas que ata o de agora non tiñan.

Trátase dun parque infantil duns 240 metros cadrados que está dividido en dúas áreas, separadas da calzada por un muro vexetal de 1,80 metros de altura, que fai de barreira visual e serve de elemento de seguridade.

Retirouse a caseta metálica, fíxose unha renovación das especies vexetais, instalouse novo mobiliario e acondicionouse a zona para converter unha das prazas referencia da cidade de Santiago nun novo espazo de ocio e disfrute para os máis pequenos.

A concelleira María Pardo espera que estas novas instalacións sexan ben acollidas polas familias e os rapaces da zona, tendo en conta que ademais está cerca de colexios.

Documentos relacionados



Compartir: