CONSORCIO

Máis de 15.000 persoas xa visitaron a exposición "Intramuros"

27/07/2006 Dende a súa inauguración o pasado 14 de xullo, unhas 15.000 persoas achegáronse ata Intramuros, unha mostra que recrea a vida relixiosa e a arte nos conventos de clausura de Santiago de Compostela. O Consorcio e o Concello de Santiago abriron no emblemático edificio do Banco de España esta mostra singular e única para conmemorar o 15 aniversario da fundación do Real Patronato de Santiago

A exposición ofrece unha visión da clausura dende unha perspectiva global; unha mostra que atende non só a aqueles aspectos relacionados coa espiritualidade, vida de oración e traballo das comunidades conventuais, senón tamén coa arte e coa cultura que albergan dentro dos seus muros.

Moitos visitantes mostraron a súa sorpresa pola orixinalidade da exposición e por algunhas pezas exhibidas. Entre elas destaca o colar da abadesa, de grandes proporcións e feito enteiramente en acibeche. Data do século XVII e pertencía á madre abadesa de San Paio. Outras obras que tamén son obxecto de curiosidade son o Cristo de Manuel de Prado, de madeira policromada (ano 1800); as pezas anónimas de Santa Escolástica (1º tercio s. XVIII) e Santa Xertrude (1ª metade s. XVII); e as tallas dos Cristos Nenos meditando sobre a morte e o pecado (anónimos de mediados do XVII), pertencentes á Parroquia de San Miguel dos Agros. En suma, unha mostra que conxuga a visión de distintas manifestacións artísticas, dende a propia imaxinería ata os medios audiovisuais utilizados, por exemplo, para recrear a vida conventual ou escoitar á propia abadesa do convento de San Paio.

A mostra está deseñada ao redor dunha montaxe que presenta os espazos fundamentais que estruturan a organización da vida nos conventos de clausura: o torno, a igrexa, o coro, o refectorio, a cela, o xardín e máis a horta na que traballan e descansan as relixiosas. Fundamentalmente están representados os conventos de San Paio, Santa Clara e Belvís, tres comunidades de clausura que amosaron dende un primeiro momento todo o seu apoio para que esta mostra non só sexa unha realidade, senón para que se convirta nun fito histórico dentro do conxunto das exposicións celebradas ata agora en Compostela.

Compartir: