CONSORCIO

O Consorcio de Santiago achegará este ano unha partida de 1.427.379 euros para concluír a restauración das torres da Catedral

26/03/2014 O Consorcio de Santiago celebrou a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do Consorcio, Ángel Currás. Entre os temas abordados na xuntanza destaca a aprobación dun convenio coa Fundación Catedral e outro co Concello de Santiago para sinalización turística. Tamén se deu luz verde á liquidación presupostaria do exercicio 2013, así como á posta en marcha do VIII Festival de Músicas Contemplativas en colaboración co Auditorio de Galicia.

O convenio coa Fundación Catedral está destinado a desenvolver as accións de colaboración xa iniciadas entre os dous organismos para a conclusión da restauración das torres da Catedral. O Consorcio aportará este ano unha cantidade total de 1.427.379 euros para este fin.

Ambas entidades xa colaboran dende 2011 no desenvolvemento dun modelo de xestión sostible do conxunto catedralicio. A finalidade é a posta en valor, recuperación e promoción da Catedral como un dos recursos histórico-artísticos máis importantes da cidade de Santiago. "Búscase compatibilizar o uso de culto da catedral coa súa valorización turística e cultural, co obxecto de xerar recursos que permitan asumir os custos de mantemento" -sinala a xerente do Consorcio, María Antón-. Nesta liña, o Consorcio realizou unha serie de intervencións nos elementos arquitectónicos do templo de cara a facer visitables diferentes espazos do conxunto catedralicio.

Por outro lado, aprobouse un convenio entre o Consorcio e o Concello de Santiago para o financiamento de actuacións en sinalización turística. "Santiago de Compostela é depositaria dun dos legados do patrimonio histórico-artístico máis importantes do mundo e continúa a ser unha referencia como elemento fundamental do primeiro Itinerario Cultural Europeo" -salienta María Antón-. Así, procúrase mellorar a accesibilidade aos recursos turísticos.

O Concello presentou ante o Consorcio unha proposta de actuacións en sinalización turística no ámbito urbano para 2014 por un importe de 20.500 euros, debido a que "a mellora da sinalización dos recursos turísticos é unha demanda expresada polo sector e detectada como un aspecto mellorable nas enquisas de satisfacción realizadas a visitantes da cidade" -explica a xerente do organismo-.

Do total deste orzamento, 17.450 euros destinaranse á ampliación, actualización e redecoración da sinalización hoteleira urbana e 3.050 euros para a renovación dos paneis informativos dos recursos e puntos de información.

No transcurso da Comisión Executiva aprobouse a posta en marcha do VIII Festival de Músicas Contemplativas, organizado de maneira conxunta entre o Consorcio e o Auditorio de Galicia. Un total de 16 concertos que se desenvolverán ao longo de nove días, entre o 11 e o 20 de abril, na súa maioría en igrexas da cidade. Música espiritual e de raíz, marcada pola diversidade cultural, para escoitar ao tempo que se contempla o rico patrimonio artístico da cidade.

O Consorcio aprobou tamén a liquidación do orzamento de 2013, cun resultado presupostario positivo de 1.046.568,92 euros (un millón cuarenta e seis mil cincocentos sesenta e oito euros con noventa e dous céntimos). Dende o organismo destacan que o índice de execución nos gastos de operacións de capital alcanzou o 96,66%, mentres que os gastos correntes tiveron unha execución do 85,64% .

O remanente de tesourería do exercicio 2013 estudarase no vindeiro Consello de Administración do Consorcio, cunha proposta que presentará a Xerencia do Consorcio para incrementar ás actuacións do organismo neste exercicio 2014.

Compartir: