NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Auditorio acolle un concerto especial de Toc Toc para os máis pequenos

26/03/2014 Ante a grande acollida que está a ter a actuación deste domingo na capital galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello compostelán ampliaron a capacidade ata mil prazas e reforzaron a actividade cun Pablo Díaz que actuará arroupado pola banda Toc Toc ao completo. A concelleira Reyes Leis e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron a actividade en rolda de prensa acompañados dos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk.

Este domingo, 30 de marzo o concerto infantil-familiar Toc Toc chegará á capital galega ante unha grande expectación no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014.

En rolda de prensa, Valentín García explicou que Toc Toc é a primeira das cinco propostas de promoción social do galego que ofrecerá este ano o programa, que entre marzo e abril levará este espectáculo a 20 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nel, o coñecido artista coruñés Pablo Díaz dá conta do repertorio musical do seu libro-disco homónimo, publicado recentemente pola editorial Galaxia, co obxectivo de achegar a xente miúda ao galego de xeito lúdico e divertido.

Na presentación, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, o secretario xeral estivo acompañado pola concelleira Reyes Leis e por Pablo Díaz, que lle puxo música ao acto cantando unha das pezas do exitoso Toc Toc.

Grande acollida de Toc Toc en FalaRedes 2014
Precisamente Valentín García celebrou a grande acollida que está a ter esta primeira actividade de FalaRedes na capital galega, onde aos poucos días de poñerse a disposición do público as 260 entradas existentes inicialmente estas xa quedaron esgotadas, o que levou a Política Lingüística e ao Concello compostelán a ampliar a capacidade cambiando a actuación de sala para que ninguén quede sen a posibilidade de gozar en directo e de balde deste concerto en galego.

Así, a cita compostelá, este domingo ás 12,30 horas, trasladouse á Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, con espazo para 998 persoas e na que Pablo Díaz actuará arroupado pola banda Toc Toc ao completo, composta por un total de seis músicos, fronte aos tres habituais na xira de FalaRedes 2014. As persoas interesadas en asistir coa súa xente miúda pode retirar as entradas ata o sábado no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual - entre as 18:00 e as 21:00 horas-.

Música en galego para nenos de 3 a 10 anos
O musical co que botou a andar a terceira edición de FalaRedes está destinado a nenos e nenas de 3 a 10 anos de idade e ás súas familias. Nel, a xente miúda da casa cántalle á alegría e á amizade, á vez que aprende valores como a paz ou o ecoloxismo, dun xeito lúdico e co galego como lingua.

Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, convertendo o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta no noso idioma. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que os nenos sigan cantando as cancións tras finalizar a actividade.

Documentos relacionados



Compartir: