FESTAS

La Oreja de Van Gogh regresa a Santiago para presentar o seu último traballo, "Guapa"

27/07/2006 La Oreja de Van Gogh presenta en Santiago, o venres 28 de xullo, o seu último disco, "Guapa", co que conmemora o seu décimo aniversario no mundo musical. Segundo sinalan os compoñentes do grupo, "Guapa é a historia de quen non se da por vencido en na marabillosa viaxe de atoparse a un mesmo".

La Oreja de Van Gogh é un dos grupos pop máis importantes no panorama musical español. Contan con cinco millóns de álbumes vendidos en todo o mundo e alcanzaron 25 discos de platino en España e 26 en América. "Guapa" presenta unha ducia de novas cancións fieis ao seu estilo, que marcou as directrices do pop español durante a última década. Hai un maior tratamento das cancións, coa madurez que lles outorga o paso do tempo.

O guitarrista de La Oreja de Van Gogh, Pablo Benegas, sinala que "o disco superou todas as expectativas; non queremos que a xente pense que despois de tanto tempo de éxito nos instalamos nunha fórmula que funciona. Con este disco demos un paso moi importante". Os cinco compoñentes do grupo participan na composición das cancións, dando cada un a súa propia personalidade.

Benegas destaca que nos seus concertos acoden "tanto xente nova como adulta". O guitarrista sinala que se senten "uns privilexiados por poder facer o que nos gusta e manternos. O secreto do noso éxito é que soubemos aproveitar todas as oportunidades que se nos foron presentando, pero tamén hai moito traballo por detrás. Somos un grupo de éxito e somos conscientes diso, pero mantemos os pés na terra e iso é moi importante".

En relación ao concerto que ofrecen no Obradoiro, Pablo Benegas afirma que "a xente de Santiago sempre nos tratou moi bien. Estou seguro de que o noso concerto vai a ser unha festa e faremos vibrar a Praza do Obradoiro".

Compartir: