ALCALDÍA

O Concello e Cogami reúnense para seguir avanzando en temas como a accesibilidade e o emprego para persoas con discapacidade

24/03/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto coa concelleira de Benestar Social, María Castelao, reuniuse co presidente de Gogami, Anxo Queiruga, no marco das moitas xuntanzas con este colectivo para seguir traballando en temas como a accesibilidade ou o acceso ao emprego das persoas con discapacidade.

No ámbito da accesibilidade, na reunión tratouse o tema dunha posible ordenanza que regule as cuestións relativas á mesma, aínda que, segundo indicou o alcalde, estase a esperar que o Parlamento aprobe a súa lei de accesibilidade, xa que esta podería resolver moitos dos asuntos planteados a sobor deste aspecto.

Outro dos asuntos que se tratou na xuntanza foi a figura de Cogami como axente de emprego para persoas con discapacidade. Neste aspecto, Queiruga agradeceu o papel do Concello, que reserva carga de traballo para este colectivo, por exemplo no mantemento de parques como o de Salgueiriños.

Ambas institucións salientaron o habitual destas reunións e manifestaron a súa intención de seguir traballando para solventar os problemas que afectan a un colectivo que en Santiago integran 1426 persoas.

Compartir: