CULTURA

Teatro do Noroeste estrea ‘A Mamma’, protagonizada por Luma Gómez, dentro do ciclo Teatro&Danza

24/03/2014 As entradas, a 8 euros (6€ os xoves, día do espectador) poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal ou na propia Zona C e o espectáculo entra dentro do Bono de Teatro Galego

Santiago de Compostela, 24/03/2014.- O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e a actriz Luma Gómez, presentaron esta mañá ‘A Mamma’, obra de Teatro do Noroeste que se estrea esta semana no ciclo Teatro&Danza. Protagonizada pola propia Gómez, o texto é de Lino Braxe e está dirixida por Eduardo Alonso, e ambos estiveron tamén na rolda de prensa. A obra estrease este mércores, 26 de marzo na Zona C ás 20.30h e ofrecerá de novo funcións os días 27, 28, 29 e 30 de marzo e do 2 ao 6 de abril. Todas as funcións serán ás 20.30h agás as dos domingos que serán ás 19.30h.

"A Mamma", é a historia da xeración dos culpables de que as cousas estean como están. Por iso, é a historia dun fracaso daqueles que deixaron pasar por diante todas as oportunidades de rectificar. Membros destacados desa xeración fixeron que agora esteamos nun calexón sen saída. Esa xeración que educou aos seus fillos na abundancia e na liberdade e, agora, todo iso vólvese en contra. Fillos mal preparados para a crise e excesivamente preparados para nada.

Teatro do Noroeste volve cun espectáculo unipersoal. Segundo eles mesmos din, non soamente é por cuestións de crises e falta de apoios para afrontar proxectos, que tamén, é porque este xénero sempre lles interesou: "Feirantes", "Campo Sur", tamén de Lino Braxe ou "A tixola polo mango", de Lola Correa, representan momentos nos que a compañía asumiu este tipo de espectáculos. Este será, pois, o cuarto. Despois de facer espectáculos durante anos, de repartos numerosos, sentíronse na necesidade de abordar proxectos máis pequenos.

En "A Mamma" seguen conectando directamente o noso teatro coa realidade máis próxima e inmediata, como aconteceu coas últimas producións: "Último cowboy" e "Linda and Freddy, ilusionistas". Con Lino Braxe teñen traballado en máis dunha ocasión, e teñen montado outros textos deste singular autor. Úneos a el, nas súas propias palabras, "un sentido responsable de tomalo todo con ironía e retranca. Por iso, cando fomos coñecedores de que traballaba nun texto sobre a vida dunha muller loitadora que, nos últimos días da súa vida rememora con estraña lucidez os tempos pasados e os presentes deste pobo tan castigado, puxémonos en contacto co autor para levar a escena a súa peza".

De todo isto, e de algunha cousa máis, fala "A Mamma" de Lino Braxe que Teatro do Noroeste presenta coa intención de insistir na crise de valores que nos ocupa, con ironía, con retranca, pero con sinceridade.

Bono de Teatro Galego
As entradas, a 8 euros (6€ os xoves, día do espectador) poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal ou na propia Zona C os días de función desde as 18.00h. Esta obra está enmarcada dentro do Bono de Teatro Galego mediante o cal se poden adquirir 5 entradas dos espectáculos que se enmarcan nesta iniciativa, a 35 euros, o que supón un aforro do 30% sobre o prezo xeral.

Compartir: