SEGURIDADE CIDADÁ

A Policía Local de Santiago de Compostela resolve dous accidentes causados por vehículos que se deron á fuga

24/03/2014 A Unidade de Atestados da Policía Local de Santiago de Compostela resolveu un accidente con danos materiais causado por un vehículo que se deu á fuga o pasado 19 de marzo e outro o domingo 23.

A colisión do pasado día 19 produciuse contra un vehículo estacionado, polo que o visionado das cámaras de vixilancia do ámbito permitiu comprobar como se produce o accidente, ver que se trataba dunha condutora e apreciar a marca do vehículo.

As investigacións dos axentes da Policía Local e instrutores do caso levaron a realizar durante dous días distintas xestións, para finalmente descubrir a matrícula do vehículo responsable dos danos causados.

Trala identificación da placa de matrícula conseguen contactar co titular do vehículo que momentos máis tarde se presenta coa condutora responsable dos feitos en dependencias policiais para facerse cargo dos danos ocasionados. Todas estas investigacións quedaron rexistradas en dilixencias policiais.

Así mesmo, na mañá do domingo 23, grazas á colaboración cidadá, púidose localizar a condutora doutro vehículo fuxido tras un accidente de tráfico acontecido na rúa Loureiros. A colisión tamén se produce contra un vehículo estacionado, causándolle un forte impacto na súa parte posterior dereita.

Unha testemuña presencial dos feitos realiza unha chamada telefónica á Policía Local, achegando datos de posibles matrículas. Tras realizar varias xestións ao longo da mañá con resultado infrutuoso para localizar a condutora e o turismo, unha patrulla detecta o turismo fuxido estacionado nunha rúa da nosa cidade, presentando danos e restos de pintura do coche colisionado. Momentos máis tarde contáctase co titular do vehículo.

Compartir: