CONSORCIO

O obradoiro sobre planificación de uso público de espazos patrimoniais congrega a 25 profesionais da arquitectura, medio ambiente e turismo

21/03/2014 Organizado polo Consorcio e Turismo de Santiago, celebrarase durante todo o sábado na Fundación Torrente Ballester baixo a dirección dos expertos Jon Kohl e Fernando Ramos.

"Planificación de uso público para Sitios Patrimonio Mundial en tempos de crise" é o título do obradoiro que se celebra mañá sábado durante toda a xornada na sede da Fundación Torrente Ballester, en Santiago de Compostela, e no que participarán 25 profesionais da arquitectura, medio ambiente e turismo. Organizado polo Consorcio de Santiago e Turismo de Santiago, o obradoiro desenvolverase entre as 9:30 e as 14:00 horas pola mañá e entre as 16:00 e as 20:00 horas pola tarde, usándose a cidade portuguesa de Évora como caso de estudo.

Os expertos en planificación Jon Kohl e Fernando Ramos, que serán os encargados de dirixir as sesións do curso, indican que moitas avaliacións amosan que o procedemento clásico de abrumar ao visitante cunha morea de datos e feitos inconexos non dá bos resultados, "porque non responde aos intereses reais dos destinatarios e non logra transmitir o auténtico significado do patrimonio", segundo advirten.

"As experiencias de turismo cultural e de natureza –agregan–, para ter éxito requiren técnicas de comunicación especiais, que permitan que os turistas poidan desenvolver vínculos cognitivos e emocionais co patrimonio que se lles presenta. Ademais, a globalización e os novos sistemas de difusión da información provocan novos desafíos aos planificadores de uso público de espazos naturais ou patrimoniais".

Expertos con experiencia en todo o mundo
Contarase coa participación de Jon Kohl, experto en planificación interpretativa e membro fundador do PUP Global Heritage Consortium, unha plataforma aliada do Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO e do Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente. Asesora no deseño e implementación dos Plans de Uso Público en numerosos lugares Patrimonio Mundial de América, Europa e Asia.

Pola súa parte, o galego Fernando Ramos é director de comunicación de Ineco, unha empresa que, entre outras actividades, dedícase ao deseño de exposicións para centros de visitantes. Ademais, é experto nternacional do UICN (Comité Español da Unión Internacional para a Conservación da Natureza) e do Convenio de Ramsar. Ten deseñado e posto en marcha numerosos centros de visitantes, exposicións itinerantes, sendeiros autoguiados e visitas guiadas; e formado a guías e xestores de turismo natural e do patrimonio de numerosos lugares e Parques Nacionais de España, África e Latinoamérica.

Compartir: