ALCALDÍA

O Concello acomete a mellora e ampliación da drenaxe da rúa dos Pelamios para evitar inundacións

19/03/2014 A rúa dos Pelamios vén sufrindo dende hai xa máis de 50 anos inundacións de importancia debidas a varios factores. O Concello puxo fin a estes problemas realizando unha mellora e ampliación do drenaxe, obra que visitou o alcalde compostelán, Ángel Currás.

O rexedor indicou que se trataba dunha demanda que os veciños viñan realizando dende hai case medio século, xa que o nivel de auga en inverno provacaba constantes inundacións das súas vivendas. Co pozo de descarga que se construíu as augas verten directamente ao río Corgo, evitando así a acumulación nas casas, que en ocasións chegaba incluso ata os 50 cm. Os veciños da zona mostraron a súa satisfación coa obra e agradeceron que despois de tanto tempo o Concello acometese a solución dun problema que se viña repetindo desde facía tantos anos. Nas últimas choivas a obra xa funcionou e comprobouse a súa eficacia.

A obra, na que se investiron 22.324,69 euros, consistiu na execución dunha rede separativa de augas pluviais que verte directamente ao regato do Corgo unha vez pasada a ponte baixo da rúa dos Pelamios. Contrúise tamén un novo tramo de rede de pluviais composto por 78 metros de canalización e executáronse cinco sumidoiros con tragadeira lateral xunto coa obra civil complementaria (pozos de rexistro, etc.), necesaria para o correcto funcionamento do sistema.

Tamén se construíu un sumidoiro a modo de fusible para que posibles malos funcionamentos da rede proxectada non volvan producir as inundacións que inverno tras inverno sufrían os veciños .Para todas estas actuacións realizáronse as demolicións e levantado de pavimentos, así coma os movementos de terras necesarios para a correcta execución das obras. Por último, levouse a cabo a reposición dos pavimentos afectados durante o desenvolvemento dos traballos.

Documentos relacionados



Compartir: