NORMAILIZACÓN LINGÜÍSTICA

Normalización Lingüística convoca o I Concurso de vídeo-creación para centros de ensino de toda Galicia

18/03/2014 A Concellería de Normalización Lingüística, dirixida pola edil Rebeca Domínguez, vén de convocar o I Concurso de vídeo-creación no que poderán participar alumnos dos centros de ensino galegos ata o vindeiro 2 de maio.

O obxectivo do concurso é promover o uso do galego na comunidade educativa e na súa contorna procurando asemade unha maior difusión e valoración dos traballos audiovisuais escolares que se encamiñan a este mesmo fin. Poderán concursar os traballos realizados no centros de ensino e que conten coa participación de alumnado das etapas de infantil, primaria, secundaria obrigatoria ou secundaria postobrigatoria. O gañador de cada categoría recibirá 400 euros e haberá un premio especial do público dotado coa mesma contía. Ademais crearase un evento en facebook para difundir o certame, unha imaxe e tamén unha canle de youtube para mostrar os vídeos.

A temática dos audiovisuais xirará en torno á promoción do uso da lingua galega en calquera ámbito e con calquera focaxe, xénero, etc. Así mesmo, os traballos estarán en soporte dixital, non poderán exceder de 10 minutos de duración e deberán ser
realizados durante o curso 2013-2014.

A participación no concurso formalizarase ao presentar no Rexistro Xeral do Concello unha copia do audiovisual xunto coa ficha de inscrición e tamén se admitirán traballos presentados noutros rexistros ou enviados por correo postal sempre que se cumpran os requisitos esixidos pola lexislación de procedemento administrativo. Ademais, de xeito paralelo, deberá enviarse unha copia da mesma ficha de inscrición e, de ser posible, do traballo presentado, ao seguinte enderezo electrónico do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago, dlg@santiagodecompostela.gal, co fin de facilitar a incorporación de todos os audiovisuais ao espazo de difusión que se cree para a valoración do público. As bases non establecen límite ningún no número de traballos que pode presentar cada centro.

Categorías e avaliación
O prazo para a entrega dos traballos remata o 2 de maio de 2014 e establécense as seguintes categorías de participación:
- Infantil
- Primaria
- Secundaria obrigatoria
- Secundaria postobrigatoria

Na avaliación dos traballos teranse en conta os seguintes criterios, a xuízo do xurado: orixinalidade, creatividade, calidade artística, calidade técnica e eficacia comunicativa en relación co obxectivo do traballo. As propostas serán valoradas por un xurado formado por persoas especializadas no ámbito do ensino, da normalización da lingua
e do audiovisual.

Compartir: