ALCALDÍA

Vite estrea pista polideportiva e zona biosaudable no parque Pablo Iglesias

11/03/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, inauguraron a remodelada pista polideportiva ubicada no parque Pablo Iglesias, no barrio de Vite, moi demandada polos veciños da zona.

A obra, que contou cun orzamento de 32.241,12 euros con cargo ao Plan DTC da Deputación da Coruña, foi levada a cabo pola empresa HPC Ibérica, que remodelou a deteriorada pista polideportiva permitindo agora a práctica segura do futbito e o baloncesto.

A anterior pista polideportiva do Parque Pablo Iglesias, ademais de presentar un importante deterioramento nos pavimentos, non permitía a práctica dun dos xogos máis demandados polos veciños, que é o futbito. A zona pavimentada tiña unha superficie de 44x22m e, polo lateral oeste, atopábanse moi próximas varias vivendas coas ventás a ras do chan. Por todo sito, facíase necesaria unha reforma que permitira practicar varios deportes ao aire libre.

O proxecto incluíu a reparación do pavimento danado (tal e como se pode observar na reportaxe fotográfica que se adxunta) coa aplicación de revestimento deportivo sobre formigón e o pintado das liñas de xogo (baloncesto e futbito). Así mesmo, instalouse un cerramento metálico con accesos pola porta traseira das porterías, cunhas dimensións de 38x20m. A reforma completouse coa instalación de canastras e demais equipamento deportivo asi como unha área biosaudable.

O rexedor tamén aproveitou para visitar a rúa García Lorca, na que se acometeu a obra de instalación de céspede transitable habilitado para aparcamente, tamén financiada pola Deputación da Coruña.

Ángel Currás lembrou que se trataban de "demandas importantes da zona que levan solicitando moito tempo" e avanzou que se vai traballar nas proximidades do centro de saúde, tanto nas beirarrúas coma no firme.

Compartir: