ALCALDÍA

A Semana Santa céntrase este ano no 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

07/03/2014 O 5 de abril arrancará a Semana Santa en Compostela co pregón do Padre Rodríguez Carballo e contará con 17 procesións. Únese ao calendario a procesión da Oración do Horto, prevista para o martes santo ás 22:30 horas.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto co presidente da Xunta de Confrarías, Salvador Forján, presentou en rolda o programa da Semana Santa 2014, que este ano quere realzar o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Por este motivo, o pregón inicial, pronunciado polo Padre Rodríguez Carballo, será en San Francisco. Como novidade, e xusto antes de que se inicio o pregón, unha comitiva formada por un representantes de cada Confraría peregrinará desde San Domingos ata o propio convento de San Francisco acompañada pola banda da Vera Cruz. Ademais, a Banda municipal de Música súmase á celebración cun concerto extraordinario o sábado 12 de abrl ás 21.00 horas, tamén na Igrexa de San Francisco.

O alcalde salientou a importancia que a Semana Santa debe ter na cidade como evento cultural e agradeceu o labor da Xunta de Confrarías, que traballou en colaboración co Concello para pechar o programa definitivo.

As procesións comezarán o venres de Paixón, o 11 de abril, coa saída da procesión da Virxe das Dores, ás 21:00 horas, dende a igrexa de San Miguel dos Agros, a onde regresará realizado o percorrido.

O domingo 13 de abril sairá e volverá a San Francisco, tras ir ata a praza do Obradoiro, a procesión da Entrada en Xerusalén (10.45 horas). Esta mesma xornada terá lugar a procesión da Esperanza, con saída e chegada na Igrexa das Ánimas (18:00 horas).

O luns 14 partirá da igrexa de Santa María do Camiño, ás 21:30 horas, a procesión da Humildade. Xa o martes 15, ás 21:00 horas, sairá do convento das Mercedarias, para dirixirse á Catedral, a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia. O propio martes sae tamén a última procesión en incorporarse á Semana Santa compostelá: a da oración do Horto e prendemento; ás 22.30 h do Campiño de San Francisco.

Mércores Santo
Xa o Mércores Santo e organizado pola Coordinadora de Asociacións Relixiosas Segrares, celebrarase o exercicio do Vía Crucis no campiño de San Francisco. Para as 19:30 horas está prevista a Eucaristía e para as 20:00 horas o Vía Crucis. En caso de choiva, estes actos realizaríanse na Igrexa de San Francisco.

Para rematar a xornada, ás 23:00 horas, partirá das Orfas a procesión dos Estudantes, organizada pola Irmandade do Santísimo Cristo da Misericordia, Noso Pai Xesús da Esperanza e Nosa Señora dos Remedios.

Xoves e Venres Santo
A procesión da Última Cea do Salvador sairá un ano máis en Xoves Santo, organizada pola Confraría da Vera Cruz. Arrincará ás 19:00 horas e rematará na igrexa de San Francisco, encabezada por unha talla do escultor compostelán Sanmartín realizada en 1864. E pouco antes da media noite, ás 23:30 horas, dende a igrexa de Santo Agostiño, a procesión de Xesús Flaxelado percorrerá as rúas da zona histórica. Esta marcha ten carácter penitencial, con cruces e cadeas.

O Venres Santo iniciarase pola mañá, ás 10.30 horas, coa procesión do Santo Encontro, que partirá da praza da Quintana para chegar á igrexa de San Miguel dos Agros. Xa pola tarde (18:00 horas) sairá a Procesión da Quinta Angustia dende a igrexa do mesmo nome. Esta comitiva acostumaba a saír o luns de Pascua, sendo trasladada ao Venres Santo en 1968.

Tamén este día pasea a Procesión do Santo Enterro, con saída e chegada en San Domingos de Bonaval (20:00 horas). O Cristo Xacente e a Virxe dos Coitelos sobresaen entre os confrades vestidos de frac. A última procesión da xornada é a da Virxe da Soedade, que arrinca ás 23:00 horas na rúa Nova e remata na igrexa de Santa María Salomé. Ata os anos 30 a procesión saía o Domingo de Paixón. Durante moito tempo recibiu o nome popular de procesión de "Os Caladiños" e nela desfilaban tan só mulleres.

Sábado Santo e Domingo de Resurrección
O sábado 19 de abril, ás 19:30 horas, sairá do Colexio da Inmaculada a procesión dos Irmáns, da que se encarga a Confraría do Santísimo Cristo da Unción e Nosa Señora da Serenidade. Ademais destas dúas imaxes, uns nenos portan a Cruz dos Infantes. E xa o Domingo de Pascua, o 20 de abril, ás 10.30 horas, a procesión do Cristo Resucitado, con saída e chegada do convento de San Francisco.

Xa fóra da propia Semana Santa, o domingo 27 de abril, ás 11:00 horas, celebrarase a procesión do Santísimo Cristo da Paciencia, que ten como punto de partida a Catedral e como meta a igrexa da Mercé de Conxo.

As procesións estarán acompañadas doutra serie de cultos e actos litúrxicos propios destas datas, moitos deles na Catedral compostelá. A bendición de palmas e ramos na Quintana, a Santa Misa Crismal, o Sacramento da Penitencia, a Santa Misa da Cea do Señor, a cerimonia do lavatorio de pés, o Sermón das Sete Palabras, o Vía Crucis, o Sermón da Soedade ou a Vixilia Pascual son algúns destes actos.

Como na edición pasada, a Semana Santa súmase ás redes sociais co fin de facilitar a súa difusión e promoción. Deste xeito, as procesións poderán ser seguidas en tempo real así como diversos cultos e actos litúrxicos. Toda a información estará dispoñible na web www.semanasantaensantiago.com.

Documentos relacionados



Compartir: